Mostra

Programouse unha mostra de dezaseis curtametraxes experimentais realizadas por directoras galegas. As obras seleccionáronse polo seu especial interese, pola súa orixinalidade ou pola súa valentía estética. Algunhas foron premiadas en festivais, outras non contan con tanto percorrido, mais todas xuntas conforman unha selección de cinema arriscado e intelixente.

  • Pontevedra. Venres 11 de marzo de 2016, ás 18:30 h (sesión 1), e sábado 12 de marzo de 2016, ás 19:30 h (sesión 2), no Museo, Sexto Edificio
  • Vigo. Luns 14 de marzo de 2016, ás 20:30 h (sesión 1), e martes 15 de marzo de 2016, tamén ás 20:30 h (sesión 2), no auditorio do Concello

Sesión 1

  • Lo que no puede ser visto debe ser contado

    O que non pode ser visto debe ser contado (2011), de María Ruido

    Vídeo, 12 min. Documental sobre a memoria da Transición, construído a partir de certas producións do cinema militante que contradín as imaxes oficiais que elaboraron a memoria do final do franquismo e o inicio da democracia

  • Bata por fóra (muller por dentro)

    Bata por fóra (muller por dentro) (2008), de Claudia Brenlla

    Vídeo, 18 min. Tributo ao simbolismo da bata, unha prenda de traballo que acompañou as nosas nais durante décadas. Constitúe unha alegre oda á modernidade da tradición, unha viaxe artística aos valores positivos da herdanza feminina

  • Cienfuegos 1913

    Cienfuegos 1913 (2008), de Margarita Ledo e Belkis Vega

    Documental estruturado en dous capítulos, 15 min. Na primeira parte Margarita Ledo encárgalle á cineasta cubana que filme na vila natal da súa nai. Vega respóndelle cun retrato de Cienfuegos con imaxes actuais e de arquivo. Na segunda parte Ledo emprende unha viaxe emocional á súa casa familiar da Terra Cha

  • Vaguidade (2015), de Lara Bacelo

    Vaguidade (2015), de Lara Bacelo

    Vídeo, 5 min,13 s. A historia comeza cunha cinta súper 8 atopada por casualidade entre cartas vellas gardadas nun caixón. Mamá vestida de voda, fráxil e nova. Papá saudando á cámara. Os actores son persoas reais de carne e óso. Algúns deles xa non están

  • A Real Woman (2013), de Xiana Gómez-Díaz

    A Real Woman (2013), de Xiana Gómez-Díaz

    Videoclip, 2 min, 22 s. No tumulto alienante da pista de xeo artificial do Rockefeller Center unha muller deixa entrever o seu grande amor pola patinaxe e a música

  • Proba de axilidade (2015), de Jaione Camborda

    Proba de axilidade (2015), de Jaione Camborda

    Súper 8, 3 min, 54 s. Obsérvase a relación do home co animal nun contexto de competición. A obra convida a gozar da imaxe, do seu respirar e da súa danza co outro

  • Ser de luz (2009), de Diana Toucedo

    Ser de luz (2009), de Diana Toucedo

    Vídeo, 5 min, 26 s. Obra que indaga nos medos e na pluralidade dos corpos a partir da montaxe de imaxes de arquivo de Gustav Deutsch e do último filme de Segundo de Chomón, El negro que tenía el alma blanca, combinadas coa cor de Stan Brakhage

  • Sin Dios ni Santa María (2015), de Helena Girón e Samuel M. Delgado

    Sen Deus nin Santa María (2015), de Helena Girón e Samuel M. Delgado

    16 mm, 11 min. Documental experimental filmado cunha película caducada na illa de Lanzarote. Recolle antigas gravacións sonoras de pastores que falan dunha existencia mítica, de bruxas e viaxes

Sesión 2

  • Todas as mulleres que fun (2011), das Candongas do Quirombo

    Todas as mulleres que fun (2011), das Candongas do Quirombo

    Videopoema, 2 min, 27 s. "Como explicarche que me doe a historia deste pai´s, explicarche como vai iso de non querer axeonllarme, de non avergon~arse por dicir ai´nda-libres e procuro apresurarme a borrar esas manchas negras de humidade, para que non semelle que algo vai mal"

  • Números, de Susana Rey

    Números (2015), de Susana Rey

    Vídeo experimental, 6 min, 2 s. Desde o humor e o absurdo das cifras asistimos, en clave de consumo, á vida dunha muller calquera... A desconfianza dos cidadáns nas estatísticas é inversamente proporcional ao uso e co abuso que delas se fai no mundo da política, do patriarcado, dos negocios e dos medios de comunicación

  • 1977 (2007), de Peque Varela

    1977 (2007), de Peque Varela

    Curtametraxe de animación, 8 min, 12 s. Unha pequena cidade, un nó que medra e unha nena na procura da súa identidade

  • A costureira (2012), de Clara Sobrino

    A costureira (2012), de Clara Sobrino

    Vídeo, 8 min. Unha muller canta unha canción tradicional para acompañar as súas accións aparentemente cotiás. A canción, A costureira, describe unha muller soa que busca a soidade. Mentres entoa desgarra unhas medias, obxecto fetiche da feminidade, nun xesto agresivo e sensual

  • Illa Pedra (2010), de Adriana Páramo

    Illa Pedra (2010), de Adriana Páramo

    Curtametraxe, HD, 18 min. Cando Antía deixa a súa terra, a súa mellor amiga Iria séntese traizoada. Anos despois Antía volve de visita e cando se reencontra con Iria as dúas séntense iguais, pero diferentes. Antía trata de afrontar a súa morriña e Iria aínda non sabe como perdoala. Unha tarde as dúas fan fronte aos seus sentimentos a través da poesía que aínda as une

  • Día de choiva

    Día de choiva (2011), de Begoña M. Santiago

    Videocreación, 3 min, 50 s. Peza que forma parte do proxecto Loops-Diarios. Próxima aos textos de Freud e aos poemas surrealistas e dadaístas, aborda a relación entre o cotián e o sinistro

  • Flying (2012), de Manuela Elisabeth

    Flying (2012), de Manuela Elisabeth

    Curtametraxe de animación, 5 min, 7 s. Trata dunha nena e os seus desexos de voar. Un día atópase cunha máxica criatura. Xuntos visitan un parque de atraccións repleto de aventuras. Alí a nena verase envolta na maxia do espectáculo e dos seus estraños protagonistas

  • Leo y Mario (se dejan) (2010), de Sonia Méndez

    Leo y Mario (se dejan) (2010), de Sonia Méndez

    Curtametraxe, HDV, 18 min. Unha parella péchase tres días no seu apartamento antes de deixarse. Alí conversan, fan o amor e intentan entender, sen reproches nin acontecementos épicos, por que as cousas non foron ben entre eles