Lembra! Eu decido, ti respectas
Este lema dá nome á campaña impulsada pola Deputación de Pontevedra para previr e actuar contra as agresións sexuais. A través desta iniciativa o organismo provincial favorece unha campaña informativa entre a mocidade para sensibilizar, concienciar, informar e pór de manifesto que a violencia sexual é extensiva a todo acto sexual, á tentativa de consumar un acto sexual, aos comentarios ou insinuacións sexuais non desexados ou ás accións para comercializar ou empregar de calquera outro modo a sexualidade dunha persoa mediante coacción por outra persoa.
Esta campaña, iniciada nos Festivais Rías Baixas 2017, está dirixida tanto a mozas coma a mozos e inclúe materiais nos que se ofrece unha actuación integral de prevención e actuación contra estes tipos de agresión sexual. Así, a iniciativa fai fincapé en que as mulleres non son obxectos, nin propiedade de ninguén, e que establecer relacións de flirteo non compromete nin obriga a manter relacións sexuais. A través destes materiais móstranse con claridade os límites nas relacións entre adolescentes e danse a coñecer estas agresións facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima.
Descargas
Última modificación: xoves, 12 xullo 2018