Rede SmartPeme
QUE É A REDE SMARTPEME?
É unha rede de puntos distribuídos polas diferentes comarcas da provincia de Pontevedra, atendida por persoal asesor cualificado en materia das TIC, na que se presta un servizo de información e asesoramento presencial e personalizado sobre as TIC e as novas tecnoloxías.
A QUEN VAI DIRIXIDA?
Os destinatarios dos servizos de SmartPeme son as autónomas e autónomos e as micropemes da provincia de Pontevedra; dáselles prioridade a aquelas empresas de cinco traballadores ou menos cun volume de negocios anual inferior a 2 millóns de euros.
Este colectivo engloba máis de 64.000 pequenas empresas e constitúe máis do 92 % do tecido empresarial da provincia.
CALES SON Os SEUS OBXECTIVOS?
- Potenciar o desenvolvemento económico da provincia a través das TIC
- Aumentar a produtividade e competitividade das pequenas empresas mediante o uso máis eficiente das novas tecnoloxías e fomentar o uso das TIC
- Introducir a innovación nos procesos produtivos dos produtos e servizos das pequenas empresas
- Facilitar a implantación do comercio electrónico entre as autónomas e autónomos e as micropemes
- Potenciar o labor dos axentes chave da provincia no tecido empresarial
PUNTOS SMARTPEME
A rede de puntosSmartPeme conta con seis centros, distribuídos estratexicamente por toda a provincia de Pontevedra, que lles achegan os servizos da rede a autónomas e autónomos e a micropemes. Cada punto SmartPeme conta con persoal de asesoramento TIC altamente cualificado e coñecedor do tecido empresarial das diferentes comarcas. Deste xeito:
- Desde o punto SmartPeme de Pontevedra, ademais de coordinar, deseñar, controlar e realizar o seguimento de toda a rede, préstanselles servizos TIC ás autónomas e autónomos e ás pequenas empresas das comarcas de Pontevedra e O Morrazo
- Desde o punto SmartPeme de Cambados préstaselles servizo ás comarcas do Salnés e Caldas
- Desde o punto SmartPeme de Lalín préstaselles servizo ás comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes
- Desde o punto SmartPeme de Ponteareas préstaselles servizo ás comarcas do Condado e da Paradanta
- Desde os puntos SmartPeme do Porriño e Vigo préstaselles servizo ás comarcas de Vigo e O Baixo Miño
PREGUNTAS FRECUENTES
Nos puntos SmartPeme dáse solución a cuestións coma:
- Como podo aforrar nos gastos de comunicación?
- Que preciso para conectarme a internet?
- É seguro operar coa banca en liña?
- Que utilidade ten a sinatura electrónica?
- Que me proporciona e que vantaxes ten o comercio electrónico?
- Podo xestionar eu mesmo as redes sociais da miña empresa?
- Cales son as ferramentas informáticas de xestión?
- Como podo emitir facturas electrónicas?
- Que subvencións e axudas teño para incorporar as TIC á miña pequena empresa?
- Como aplico as novas tecnoloxías ao meu negocio?
Enlaces
Última modificación: venres, 09 febreiro 2018