Ramonas on Tour
"Nunca máis sen nosoutras". En 1993 as comunidades indíxenas aproban a Lei revolucionaria de mulleres. As mulleres zapatistas, lideradas pola comandanta Ramona, convertíanse así nun exemplo da loita activa e comprometida pola igualdade. Unha igualdade que debería comezar polo propio movemento revolucionario zapatista: na familia, na comunidade, na estrutura de mando...
Dous anos antes, en 1991, en Olympia (Washington), unha serie de bandas da escena punk publicaban o manifesto "Riot Grrrl!" no fanzine Bikini Kill (o nome da banda liderada por Kathleen Hanna) co convencemento de que "as mozas constitúen a alma da forza revolucionaria que pode cambiar e cambiará o mundo de verdade".
Dúas formas de entender a actitude revolucionaria desde posturas de compromiso feminista e antipatriarcal. Dúas visións que hoxe forman xa parte da nosa cultura colectiva e imprescindibles para entender a evolución do feminismo actual.
Como homenaxe á comandanta Ramona e ao movemento Riot Grrrl nace Ramonas, unha banda musical de mulleres que pon en marcha unha xira para alimentar un debate en vilas e cidades sobre o feminismo como actitude.
Con ese pretexto, Ramonas on Tour organizará unha exposición e obradoiros para alumnado de colexios e institutos sobre relacións tóxicas e igualdade e sobre o papel das mulleres na cultura e na industria cultural (a partir da música).
Convocará diferentes modelos de muller de cada unha das localidades para falar sobre o empoderamento e as súas actitudes para afrontar a loita contra un modelo social á medida da organización patriarcal.
E fará actuacións baixo a idea de Riot Grrrl das mozas á fronte, nun espazo de diversión libre de agresións e abusos.
Descargas
Última modificación: mércores, 20 novembro 2019