Viñetas de Frato..., e un grande espazo de xogos para nenas e nenos
A exposición "Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato", que a Deputación de Pontevedra realiza no Pazo da Cultura de Pontevedra ata o 11 de xuño, fai un percorrido pola maneira de entender a educación e as cidades do pedagogo italiano Francesco Tonucci. A mostra non só inclúe as súas viñetas máis representativas, senón que é un grande espazo de xogos para nenas e nenos artellado para que desenvolvan a súa autonomía, intelixencia e creatividade, a súa capacidade para aprender e construír. As persoas que visiten a mostra terán a oportunidade de percorrer dez espazos expositivos diferenciados.
-
As viñetas de Frato dannos a benvida
Unha selección das mellores viñetas do autor permítelles ás persoas visitantes mergullarse na teoría pedagóxica de Frato. Un percorrido gráfico no que o investigador e pedagogo italiano reflicte, sempre desde a perspectiva das nenas e nenos, a escola, a familia, a cidade, é dicir, os principais ámbitos nos que se desenvolve a vida desde a infancia.
-
O mundo de Frato
A través de máis dun cento de debuxos orixinais, obxectos e instrumentos de traballo, vídeos, fotos ou libros percórrese a traxectoria vital, artística e pedagóxica de Francesco Tonucci. É o seu recuncho particular, no que quen o desexe poderá coñecer en profundidade a persoa e o personaxe.
-
Cen mans, cen linguaxes
"O neno ten cen linguas, cen mans, cen maneiras de pensar... pero cando remata a escola roubáronlle 99". As palabras do filósofo italiano Loris Magaluzzi sustentan esta área que, a través de imaxes, anima o público a usar as súas mans para pensar, experimentar... ao tempo que reivindica a importancia da integración das actividades manuais e artísticas na escola para que todas as nenas e nenos poidan desenvolver as súas calidades e os seus talentos.
-
Bicicleta. Espazo para gozar, investigar e aprender
Simple e sofisticado, así é o funcionamento da bicicleta, a protagonista deste espazo participativo. Nel reflíctese o valor de liberdade e autonomía, que leva implícito o uso da bicicleta desde a infancia, á vez que se explica o proceso físico e mecánico que permite o movemento. Aquí as persoas visitantes aprenderán a montar e desmontar unha bicicleta, coñecerán os múltiples beneficios que o uso da bici ten para a saúde e o medio e achegaranse aos valores sociais que favorece. As nenas e nenos tamén poderán coller algunha das bicis da mostra e dar unha volta por este espazo.
-
Construcións. Pequenas pezas, grandes creacións
Unha zona na que as nenas e nenos poden dar renda solta á súa curiosidade e creatividade. Aquí o público de todas as idades pode construír as súas propias pezas utilizando materiais sinxelos e reciclados. Imaxinación e liberdade para a creación son as únicas ferramentas necesarias.
-
Xoguetes. A xogar non se aprende pero xogando apréndese
A aprendizaxe a través do xogo é a proposta. Partindo de modelos de xoguetes tradicionais -feitos na casa-, convídase ás persoas asistentes a que deseñen outros novos, investiguen mecanismos, indaguen en novas formas de comunicar a través do xogo... En definitiva, a aprender a través da propia experiencia.
-
Teño unha idea. Propostas para seguir inventando
E iso é precisamente o que se poderá facer nesta área: seguir inventando. Inventar a partir de tres propostas de Frato: as palabras, as formas e as accións. Todas as creacións -debuxos, escritos...- que se desenvolvan exporanse na propia sala, creando un espazo vivo que evoluciona a través da participación de todas e todos.
-
Ágora. nenas e nenos toman a palabra
Esta será a ágora do Consello Infantil e Xuvenil do Pazo da Cultura. Os membros do Consello guiarán o debate e a reflexión e animarán a que todas as persoas, nais e pais, docentes, avoas e avós, nenas e nenos, tomen a palabra.
-
Natureza. Auga, barro e area para aprender
Seguindo a metodoloxía de Francesco Tonucci, en "Natureza" a formulación é un achegamento ao ambiente a través da creación e do xogo. Neste espazo hai un herbario, peixes de cores ou unha piscina na que experimentar como os elementos flotan ou afunden e como a auga pode funcionar como "pegamento". Mesmo hai un composteiro no que as pequenas e pequenos aprenderan como aproveitar o lixo orgánico para producir un fertilizante natural de gran calidade como é o compost. Tamén conta con dous areeiros nos que as cativas e cativos poden deixar as súas pegadas e simular as de diferentes animais.
-
Para saber máis
A exposición conta tamén cun espazo bibliográfico e de consulta informática que inclúe libros, revistas de divulgación e outros materiais. Nel pódense consultar títulos, tanto escritos polo propio Tonucci –coas súas respectivas traducións aos idiomas das nacións do Estado español–, e moitos outros vencellados á autonomía, á natureza e á creación.
Nos 1.500 metros cadrados de "Imaxinar a educación. 50 anos con Frato" poderás dar renda solta á túa imaxinación para crear as construcións máis orixinais; aprenderás a ver o mundo cos ollos da infancia; montarás e desmontarás unha bicicleta, para despois sentir a liberdade que che dá usala; verás o teu debuxo, palabra ou acción exposta no museo; descubrirás como se aprende xogando; participarás nunha ágora para expresar as túas ideas e escoitar as das demais persoas; as túas mans recrearán a natureza con barro, area e auga; sentirás que as cidades son mellores cando son para todo o mundo; aprenderás máis sobre educación, arte e pedagoxía; e axudarás a que as nenas e nenos exerzan o seu dereito ao descanso, ao tempo libre e ao xogo.
Última modificación: luns, 08 maio 2017
Exposición Imaxinar a educación. 50 anos con Frato
0 - 0 de 0 albumes existentes