Cinema e muller
A Deputación de Pontevedra lanzou o proxecto "Cinema e muller" coa vontade de visibilizar as creadoras do sector audiovisual e fomentar así unha maior participación activa das mulleres na cultura e na arte. Este proxecto foi dirixido por Xisela Franco e producido por Beli Martínez.
A iniciativa incluíu varias accións que ían desde a investigación e a teoría ata a propia produción de cinema. Elaborouse un mapeamento concienciudo das realizadoras da provincia e atopáronse case setenta, cuxos currículos e biofilmografías se foron incorporando a esta web. Organizouse tamén un ciclo de seis charlas sobre cinema e feminismo impartidas por teóricas ou profesoras das universidades galegas. Tamén se programou unha mostra de cinema experimental galego composta por dezaseis filmes salientables. No evento de peche gozamos dun concerto de poesía e cinema expandido, a pé de rúa, a cargo do grupo Cinta Adhesiva.
Ademais, por considerar imprescindible o apoio á produción, promoveuse a película colaborativa Visións. Creadoras de cinema: Pontevedra, un filme poliédrico feito de curtametraxes que ofrece a ollada de dez cineastas con personalidade propia.
O cinema feito en Galicia atravesa un fermoso momento no que está a obter recoñecementos en festivais internacionais independentes, de xeito que se fala do Novo Cinema Galego como un movemento de vangarda. Neste agromar do sector audiovisual os filmes creados por mulleres presentan unha especificidade propia que se manifesta no discurso da diferenza ou da diversidade. Trátase dun cinema que, en xeral, se atopa preto da obra de autoría, da exploración experimental e do documental comprometido.
"Cinema e muller" é un exemplo do que se pode facer para fomentar a construción de discursos narrados por mulleres. Porque se a linguaxe constrúe o mundo, e a audiovisual é unha linguaxe que hoxe sabemos esencial, ás mulleres quédalles por definir unha boa parte da súa historia. A realidade é que sen creadoras o imaxinario audiovisual propio das mulleres se atopa amputado, silenciado, desexando pronunciarse para achegar ao cinema a súa voz e para crear unha sociedade máis xusta.
Última modificación: xoves, 10 decembro 2020