Sonia Méndez

Sonia Méndez

Artista multidisciplinar nacida en Vigo (1980) e formada en diversas escolas de interpretación, guión, dirección de actores, construción dramática e realización: Espazo Aberto en Compostela, Centre de Estudis Cinematográfics de Barcelona, Escuela Internacional de Cine y TV de Cuba (EICTV) e Escola de Imaxe e Son da Coruña. Tamén cursou o posgrao en Interpretación e Arte Dramática da USC. Como actriz participou nas películas Rafael, de Xavier Bermúdez, Unha muller invisible, de Gerardo Herrero, e O sexo dos anxos, de Xavier Villaverde, así como en diversas series de televisión para a TVG e TVE. Dirixiu e guionizou as curtametraxes Perversa Lola (2008), Leo y Mario (se dejan) (2010), As damas negras (2010) e Conversa cunha muller morta (2011), estas dúas últimas seleccionadas en múltiples festivais e con varios galardóns, coma o Mestre Mateo á mellor curtametraxe. Ademais, coproduciu e guionizou a serie web Angélica y Roberta, premiada co Mestre Mateo 2013 e no festival de webseries LawebFest de Los Ángeles. A súa primeira aproximación ao xénero documental foi a peza Café-Bar Santos Perruquería (2014), presentada no I Chanfaina Lab, encontro de cineastas en San Sadurniño. Desde 2014 é directora do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay  e coordina o ciclo de formación audiovisual FormaCip, tamén en Carballo. Na escola Espazo Aberto imparte o curso anual Actuación Diante da Cámara. A comezos de 2016 traballa no desenvolvemento da longametraxe Antes de perder, pola que recibiu unha axuda á escrita de guión de AGADI, e no guión da longametraxe Las afueras.

Máis informaciónwww.soniamendezalonso.com


Os contidos da sección Creadoras son responsabilidade exclusiva das súas autoras