Sol Alonso

Sol Alonso

Licenciada e doutora en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, exerce como profesora titular do Departamento de Debuxo da Universidade de Vigo. Participou en numerosas exposicións de videocreación, entre as que destacan "Film/Video", no Centrum SztuKi Wspólczesne Zamek Ujazdowski, en Varsovia, no ano 2003; "Miedo Commonplace", un proxecto levado a cabo para a XII Bienal Internacional de Arte de Vila Nova de Cerveira, en Portugal, tamén en 2003; e "Resistencia y materialización", presentada na Universidade do País Vasco en 2010. Comisariou "Grafos y matemas" para a XIV Bienal Internacional de Arte de Vila Nova de Cerveira en 2007; e "Dame una buena razón para no vaciar el corazón de todos sus unos y ceros", na Escola Superior de Restauración e Conservación de Bens Culturais de Galicia, en Pontevedra, en 2009. Co vídeo monocanle Hágase la luz. Anacronismo del origen de lo visible formou parte da exposición colectiva "Materialización", presentada na Fundación Laxeiro en Vigo, no ano 2011, como proxecto de investigación dun grupo de investigadoras das facultades de Belas Artes da UVigo e da Universidade do País Vasco. Entre os seus últimos traballos destacan a instalación Inferencia entre partículas y radares (2015), que formou  parte da exposición "Afinidades selectivas/8" exhibida na Casa Galega da Cultura, en Vigo. 


Os contidos da sección Creadoras son responsabilidade exclusiva das súas autoras