Pilar Sueiro

Pilar Sueiro

Naceu en Vigo. Desde moi nova sentiuse atraída polo mundo da escena. Comezou como actriz de teatro independente e posteriormente pasouse ao cine. En 1982 creou Pilar Sueiro Films, coa que produciu 19 curtametraxes en 35 mm, das que dúas foron escritas e dirixidas por ela mesma, Vicus Spacorum (1982) e Retazos gallegos (1983). Nesa época interveu como actriz en numerosas curtametraxes de ficción dirixidas por Juan Pinzás. Xunto a este director fundou en 1984 a produtora Atlántico Films, coa que produciu as longametraxes La gran comedia (1985-86), na que tamén participou como actriz; El juego de los mensajes invisibles (1991); e La leyenda de la doncella (1995), con guión e dirección de Pinzás. En 1998 rodou, con guión propio, a súa primeira película como directora, Cuando el mundo se acabe te seguiré amando, unha historia romántica que foi seleccionada en diversos festivais. Entre 2000 e 2005 produciu unha triloxía de películas enmarcadas no movemento de vangarda Dogma 95: Era outra vez (2000), Días de boda (2002) e El desenlace (2005), tamén dirixidas por Juan Pinzás, para quen tamén produciu en 2009 a longametraxe documental Las imágenes perdidas. La otra mirada. Entre as súas últimas producións figuran El tiempo del abismo, La sombra de Nueva York y Néboa.


Os contidos da sección Creadoras son responsabilidade exclusiva das súas autoras