Olaia Sendón

Olaia Sendón

Nacida en Ourense en 1978, é licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Autónoma de Barcelona e docente na Escola de Imaxe e Son da Coruña desde o ano 2002. A Casa de Lola de Andrés (2006), sobre a especulación inmobiliaria, supuxo a súa primeira incursión no documental. Con esta peza inaugurou tamén unha serie de pezas sobre a memoria da Costa da Morte, da que forman parte Os fabulosos irmáns da luz (2007), sobre os espazos de cinema desaparecidos, e a longametraxe Crebas, unha visión do mar a través das cousas que chegan á ribeira. En 2009 realizou Catálogo de galaxias sociais, vídeo que acompaña o disco Kosmogonías, de Berrogüetto. Nese mesmo ano naceu Pequenas superficies, unha aproximación ao universo das pequenas tendas de barrio. Seguindo no eido da multidisciplinariedade creou en 2012 Kaufland Mo, unha web, instalación e longametraxe documental que gañou o VIII premio de novos valores Auditorio de Galicia. Entre os seus traballos recentes destacan as videocreacións The Gaze of the Beachcomber, seleccionada para formar parte do Gstaadfilm Festival (Suíza) e do SeeMor Festival (Gales), e Mijau, escollida polo Curtmetratges Gandules organizado polo CCCB de Barcelona e tamén polo Festival Internacional de Cine Independiente de Elche e pola Festa de Antropologia, Cinema e Arte (FACA) de Lisboa.

Máis información: Blog de Olaia Sendón


Os contidos da sección Creadoras son responsabilidade exclusiva das súas autoras