Noel Queipo

Noel Queipo

Licenciada en Comunicación Audiovisual (UdV, 2010), conta cun posgrao en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais (UdV, 2011). Traballa de redactora do programa Ribeiras de salitre, da TVG, e dedícase tamén á fotografía e á realización de vídeos e guións. É realizadora da curtametraxe de videocreación Camina, la bella Otero, un traballo que gañou o premio INJUVE 2013 e que pretendía achegar a figura da Bela Otero a un público xuvenil. Tamén realizou videoclips infantís, coma os temas Unha canción, do libro-disco Estamos no verán, de Xoán Curiel; e Ou iso ou aquilo, do libro-disco Alegría, de Sérgio Tannus, ambos os dous editados por Galaxia. Para esta editorial realizou varios booktrailers, breves pezas audiovisuais que serven de adianto ao lanzamento dun libro, neste caso, para as novelas O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, e Os elefantes de Sókurov, de Antón Riveiro Coello. Asinou varios vídeos de promoción para o Campionato de España de Orientación 2016 e o proxecto municipal "Pontevedra ten un puntazo". Ademais escribe unha columna sobre cinema e series no diario PontevedraViva.com.


Os contidos da sección Creadoras son responsabilidade exclusiva das súas autoras