María Platas Alonso

María Platas Alonso

Licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo, introduciuse no cinema a través de varios cursos, primeiro durante a súa estadía en Londres e logo en Madrid, onde obtivo a diplomatura en Dirección Cinematográfica. Traballou na empresa de servizos audiovisuais Telson e posteriormente comezou a súa andaina como profesional autónoma. Na capital española desempeñou tarefas de produción, axudante de dirección e de edición en diversas obras audiovisuais. Desde 2011 reside en Vigo, a cidade na que se criou. Forma parte do grupo Estudio Taburete, xunto a Borja Pozueco, David de la Iglesia e Nando Iglesias, especialistas en deseño, fotografía e vídeo. Con Taburete correalizou o seu último proxecto audiovisual, Instagram y yo en 15", para as e os instagramers da provincia de Pontevedra e a súa exposición #pontefoto, inaugurada en xaneiro de 2016. Entre outras pezas audiovisuais tamén realizou os vídeos para a aplicación móbil Suma con Implicadas, o videoclip Bombas nucleares, a reportaxe Ría de Arousa, esencia de base, e a peza audiovisual do Festival Implícate 2015. Está a realizar, ademais, xunto co equipo de Estudio Taburete, un documental sobre a arte urbana en Vigo, cuxa estrea está prevista para o ano 2017. Ao mesmo tempo traballa na súa tese de doutoramento sobre o cinema feminista afro-americano.


Os contidos da sección Creadoras son responsabilidade exclusiva das súas autoras