Mar Caldas

Mar Caldas

Artista interdisciplinar nada en Vigo (1964) que viviu e se formou artisticamente en Valencia, La Habana, São Paulo e Nova York. Doutorouse en Belas Artes pola Universidade de Vigo, onde imparte docencia. No conxunto do seu traballo están implícitas as nocións de tempo e acción narrativa e a exploración dos vínculos entre fotografía, imaxe cinemática, obra procesual e performance. Participou en numerosas exposicións colectivas e festivais de vídeo coma BANG (Barcelona, 2009), BAC! 11.0. (Barcelona, 2010), Videoart Festival 100 Kubik (Colonia, 2010), Mobile Projection Unit (San Francisco, 2011) ou Region 0. The Latino Videoart Festival of New York (Nova York, 2011). Sobresaen as súas exposicións individuais "Para vocês" (Museu de Arte de Santa Catarina, Brasil, 1996), Momentáneas (Caja Madrid, Pontevedra, 2000), "Décalage" (Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa, A Coruña, 2002) e "Pegadas do desassossego" (Casa Fernando Pessoa, Lisboa, 2011). Recibiu, entre outras, as bolsas de creación artística VI Fotobienal, Unión Fenosa e Fundación Arte y Derecho. A súa obra forma parte de coleccións públicas de arte contemporánea.


Os contidos da sección Creadoras son responsabilidade exclusiva das súas autoras