Diana Toucedo

Diana Toucedo

Nacida en Pontevedra en 1982, estudou o grao de Cinema e Audiovisuais, na especialidade de Montaxe, na Escola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya (ESCAC) en 2008 e graduouse no Mestrado de Estudos de Cinema e Audiovisuais Contemporáneos na Universidade Pompeu Fabra en 2011. Posúe unha ampla experiencia como montadora, carreira que iniciou coa longametraxe documental Tragovi (2009), un proxecto en colaboración coa ESCAC, rodado en Bosnia-Herzegovina. Posteriormente traballou durante dous anos no Estudio Mariscal en Barcelona e desde entón participou en numerosas producións. Entre os traballos máis recentes figuran a montaxe das longametraxe de ficción Sonata para violonchelo, dirixida por Anna M. Bofarull, e do documental Belén (2015), dirixido por Adriana Vila. Ademais, xa desde a súa época de estudante amosou interese pola dirección. Dirixiu as curtametraxes Ser de luz, Segundo de Chomón e Stan Brakhage (2009), e Tres tiempos, tres gestos (2010), ambas as pezas estreadas en festivais galegos coma Cineuropa ou Play-Doc. En 2013 foi seleccionada para participar no proxecto XFilms do Festival Punto de Vista de Navarra como directora e dirixiu a curtametraxe Imaxes segredas (2013).Tamén colaborou co artista gráfico David Torrents no proxecto BruumRumm!, premiado co Gran Laus 2014, e dirixiu unha curtametraxe co mesmo nome que recibiu o segundo premio no certame NowYouSeeMe no Louvre, en París. En 2014 gravou unha curta etnográfica sobre as cantareiras de Zobra, na serra do Candán (Lalín), chamada Por que non cantades todas, producida por Trespés Coop. Galega. Con esta mesma produtora dirixiu por encargo o documental En todas as mans (2015) sobre a realidade dos montes veciñais en Galicia. A comezos de 2016 atópase en fase de posprodución a súa primeira longametraxe autoral coma directora, Trinta lumes, gravada no Courel, e tamén está a piques de rematar a curtametraxe Homes, peza rodada no festival Chanfaina 2015, en San Sadurniño. Á parte do seu traballo no eido cinematográfico Dianta Toucedo é docente de montaxe audiovisual no IDEC/Universidade Pompeu Fabra, na Universidade Autónoma de Barcelona e na ESCAC.

Obras

  • icono

Os contidos da sección Creadoras son responsabilidade exclusiva das súas autoras