Bego Santiago

Bego Santiago

Artista nacida en Santiago de Compostela en 1980 e especializada no uso da luz desde as súas dimensións pictóricas e escultóricas. É licenciada en Belas Artes e posgraduada en Artes Visuais e Multimedia. Desde 2012 vive e traballa en Berlín como directora artística para Mitteleuropa, un proxecto dedicado a repensar o espazo europeo desde os focos conceptuais do proceso de tradución, migración e hibridación. Participou na súa primeira exposición internacional en 2005 no proxecto VideoDictionary, de The Video Art Foundation, e gañou os premios Feima-Fundación Laxeiro en 2008, coa videoinstalación Loops diarios, e Madrid Procesos 2009, coa obra Almas latentes, como parte do colectivo NiñoViejo. En 2010 trasladouse a Praga para traballar como profesora invitada no Departamento de Cine e Animación na Facultade de Artes, Arquitectura e Deseño e combinou a actividade docente con exposicións e residencias artísticas en diversas cidades, entre as que destacan Metamapping 2010, en Xenebra, MeetFactory 2011, en Praga, e LaptopRuss, en Madrid. En 2012 realizou a videoinstalación interactiva Little Boxes, dentro do programa de residencia Elas Fan Tech-Normal, espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, obra que foi exposta en diversos festivais internacionais, coma Patchlab Digital Art Festival  e FILE - Electronic Language International Festival. Tamén desenvolveu proxectos e escenografías audiovisuais para diversas firmas.


Os contidos da sección Creadoras son responsabilidade exclusiva das súas autoras