Andrea Vázquez García

Andrea Vázquez García

Nada en Vigo en 1981, é licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e conta cun posgrao en Cooperación e Xestión Cultural Internacional pola Universidade de Barcelona. Tamén é técnica superior en Imaxe e Son pola Escola de Imaxe e Son de Vigo e realizou estudos de dirección cinematográfica na Escola Superior de Artes Cinematográficas de Galicia. Desde 2006 é produtora e realizadora da produtora audiovisual Miramemira, coa que creou decenas de pezas audiovisuais. Como realizadora especializouse en contidos artísticos e culturais, como é o caso das reportaxes Rizoma (2013), Confluencias. Jaime Quessada/Xaime Quesada Blanco (2012), Retratos peruanos. Baldomero Pestana (2015) e José Suárez. Uns ollos vivos que pensan (2015); tamén realizou vídeos expositivos e de promoción coma A muralla na mañá. A muralla na tarde. A muralla na noite (2013) e o vídeo de presentación de Santiago de Compostela como cidade convidada á Feria Internacional del Libro de Buenos Aires (2015). No campo da videocreación destacan a súa pezas A pegada do voo (2012) e as videoinstalacións A marca do Camiño (2015), Estética de la desaparición (2015), Donde dice: ahora dice "( )" (2012), así como An Expanded Song, da serie Desprazamentos da Lectura, realizada xunto ao artista plástico Jorge Varela. En 2015 dirixiu a súa primeira longametraxe documental, titulada A imaxe Reb/Velada, que se exhibiu no Festival Internacional de Cine de Lima 2015, no Festival Cineuropa 2015 e no Play-Doc 2016. 


Os contidos da sección Creadoras son responsabilidade exclusiva das súas autoras