Obra - Sol Alonso - Inferencia entre partículas y radares

Inferencia entre partículas y radares (2015)

Sol Alonso

 
 

Videoinstalación de 2,5 m2, vídeo, 170 x 80 cm, 4 min, 7 s Obxectos escultóricos en ácido poliláctico, realizados mediante escaneo e impresión en 3D

A obra baséase na posibilidade de xerar unha forma moi afastada do seu referente, mediante a información directa e sen manipular que un escáner de visión 3D toma dun conxunto de obxectos estraños entre si. Conseguíronse impresións de obxectos coma un tapón de botella, un parasol de papel, un vaso de plástico ou unha buxaina de xoguete, que, estratexicamente amontoados na zona de rexistro do escáner, foron conformados a partir das "limitacións de visión" (triangulación) do aparato, coa aparencia de maquetas de grandes antenas de radar. Utilizouse, ademais, unha baixa resolución na impresión das maquetas para conseguir un obxecto final o máis lonxe posible do conxunto de obxectos de referencia usados.

Baixo a mesma proposta usouse o obxectivo dunha cámara sometido a condicións de luz e enfoque levadas ao límite para xerar capturas de materiais en suspensión en distintos medios, funcionando as imaxes obtidas como partículas microscópicas ou luces, sinais e vibracións do universo, segundo se mire. A chave conceptual da obra é a reflexión que propón sobre a posibilidade de que o observador e o observado se inflúan mutuamente.

 
 
  • Inferencia entre partículas y radares
  • Inferencia entre partículas y radares

Os contidos da sección Creadoras son responsabilidade exclusiva das súas autoras