Charlas
Seis profesoras e investigadoras do ámbito universitario, feministas e especialistas en cine e xénero, expuxeron aspectos clave do cinema feito por mulleres no marco galego, para denunciar a falta de visibilidade pero tamén para presentar o gran potencial creador existente e ofrecer horizontes posibles. As charlas, distribuídas en dúas sesións de libre acceso, tiveron lugar no museo MARCO de Vigo.
Xoves 17/03/2016
-
Mar Caldas. "Perspectivas feministas no cinema de exposición"
O chamado cinema de exposición ten, desde os anos 90, unha presenza cada vez maior nos museos e grandes eventos de arte contemporánea. O relatorio examina as achegas feministas a este circuíto e revisa obras situadas entre dous eixos: o cinema do corpo e o documental etnográfico.
-
Margarita Ledo. "Feminismo e Novo Cinema Galego"
Existen lazos invisibles entre o Novo Cinema Galego e determinadas prácticas que singularizan o cinema feminista. A sesión propón unha lectura do persoal no político a través de determinadas obras co obxectivo de discernir a pegada das prácticas feministas no cinema contemporáneo pensado desde Galicia.
-
Marta Pérez Pereiro. "Teitos de celuloide. As creadoras no Novo Cinema Galego"
O informe The Celluloid Ceiling, elaborado pola Universidade de San Diego, indica que só o 7 % dos directores que traballan nos filmes con máis alta recadación de Hollywood son mulleres. A sesión analiza o caso galego na procura de políticas correctoras que contribúan á rotura do teito de celuloide.
Venres 18/03/2016
-
Anxela Caramés. "Repensando a mirada delas"
Reflexión sobre a posibilidade da existencia dunha ollada feminina en contraposición a un posicionamento claramente feminista á hora de abordar o traballo audiovisual. A sesión trata os tópicos e os estereotipos que se atribúen ás obras creadas por mulleres.
-
Carme Nogueira. "Audiovisual e arte contemporánea dende o legado do feminismo"
Análise da influencia das teorías feministas na arte contemporánea en xeral e no audiovisual en particular. As rupturas na representación abriron camiños a outras formas de entender a relación entre autor e espectador, o que implica outros xeitos de facer, de mostrar e de problematizar.
-
Renata Otero. "Cine do eu: feminino singular"
Repaso de estratexias formais e narrativas para pórse unha mesma en pantalla: creación de personaxes alter-ego, cinema-diario, fragmentos autobiográficos, autorretratos fílmicos, autoetnografías, exemplificados cunha compilación de filmes.