Visións. Creadoras de cinema: Pontevedra
Visións é unha película colaborativa que consta de dez curtametraxes realizadas por cineastas da provincia de Pontevedra. Dez olladas xenuínas nas que cinema e arte se funden nunha produción íntima e poliédrica.
Participaron neste proxecto colectivo Eva Calvar, Sonia Méndez, Olaia Sendón, Claudia Brenlla, Andrea Zapata-Girau, Begoña M. Santiago, Carme Nogueira, Lara Bacelo, Diana Toucedo e Carla Andrade.
Cunha dotación de 1.300 euros para cada curta, estas creadoras tiveron dous meses para idear e terminar as súas pezas. Ademais de seren as directoras encargáronse das cámaras e da montaxe, e esta capacidade para realizaren unha película de principio a fin coas súas propias mans, cun orzamento axustado, marca como unha cicatriz o cinema que practican. Estas cineastas coñecéronse e compartiron, grazas á inmediatez das redes sociais, o seu proceso creativo, os traballos previos e as dúbidas nas distintas fases da súa produción. Deste modo deron a luz unha longametraxe feita de curtametraxes e tecida coa inevitable influencia de todas.
Pezas
-
Proxectar-se (2016), de Eva Calvar
Vídeo, 3 min 30 s. Explorar a intimidade da creación. Construír a corporeidade da natureza. Observar a muller como razón poética, razón creadora. Falar do impropio e do propio que reside en cada ser.
-
1/2 (2016), de Olaia Sendón
Vídeo, 3 min 30 s. Un díptico, un experimento, unha muller que somos moitas... un berro para facer oír a nosa voz.
-
Ambos mundos (2016), de Claudia Brenlla
Vídeo, 10 min. Ano 2016: acepto a proposta de realizar unha peza audiovisual para a súa inclusión nun proxecto colectivo. Decido non gravar nada e partir das miñas imaxes de arquivo. Ao achegarse o prazo da entrega, e convencida de que a miña edición é un fracaso, un amigo entremétese no meu espazo creativo e ofréceme unha solución que poñerá en evidencia o aspecto traxicómico da miña situación.
-
Ei, guapa! (2016), de Sonia Méndez
Vídeo, 6 min 40 s. Unha muller camiña pola rúa. Un home vai detrás.
-
Aava (2016), de Andrea Zapata-Girau
Vídeo, 5 min 30 s. Hanna reflexiona sobre as dificultades cotiás para conciliar unha profesión artística que a apaixona co coidado da súa filla Aava, á que deixa cada día coa súa sogra chilena, unha muller que admira profundamente pese á falta de comunicación entre ambas.
-
Aquí dentro (2016), de Lara Bacelo
Vídeo, 12 min. Exploración cinematográfica, a cabalo entre a ficción e o documental, que relaciona o interior dunha casa a través das súas marcas, luces, humidades, co interior do corpo e a mente dunha muller.
-
Zeitübergreifend (2016), de Begoña M. Santiago
Vídeo, 8 min. En Zeitübergreifend (Alén do tempo e do lugar) a directora parte dunha fotografía na que aparecen cinco xeracións de mulleres da súa familia para ir reconstruíndo a vida de cada unha delas a partir doutras imaxes que conforman un álbum familiar. Cunha montaxe rápida, percorre máis de cen anos de historia da familia e, á vez, reconstrúe parcialmente as súas vidas, creando un relato paralelo sobre o crecemento do espazo habitado.
-
Voguing (2016), de Carme Nogueira
Vídeo, 3 min. Visita guiada nunha rúa na que o corpo da narradora se fai visible pola voz e polo encontro cos outros corpos. O audio fai referencia a cómo o propio corpo, sobre todo aqueles corpos que teñen que aprender a comportarse, se configura a través do performativo.
-
Corpo preto (2016), de Diana Toucedo
Vídeo, 7 min 30 s. A partir do filme Límite, do director vangardista brasileño Mario Peixoto, explórase o corpo feminino ante as propias angustias e medos nunha obra de remontaxe. Un corpo que desexa estar preto da luz pero tamén da escuridade, así como as imaxes que, desde os anos trinta, chegan coma vagalumes polo poder do cinema como medium.
-
Listen to Me (2016), de Carla Andrade
Vídeo, 7 min. Listen to me é un xesto (audiovisual) que pretende invertir a eterna posición da muller como obxecto de visión para pasar a vela en subxectivo, "escoitala" en vez de mirala.
Unha muller vella míranos, estática, sen vernos. Unha moza camiña e é arrastrada por unha ovella nunha praia cunha illa ao fondo. Outras contemplan un océano irreal, coa illa de lonxe. Mulleres do sur de Nepal atravesan un campo de trigo, alleas. E a auga, como combinación do inefable e o material.