Noticias

Os obradoiros de cultura urbana de DepoRúarte chegan este sábado ao concello de Poio

Nas actividades de breakdance, graffiti e personalización de gorras, entre outras, tamén poderán participar nenas e nenos a partir dos 12 anos con diversidade funcional


28 setembro 2017
DepoRúARTE

A segunda edición do programa "DepoRÚArte" da Deputación de Pontevedra continúa a súa andaina polos concellos da provincia e, este sábado 30 de setembro, chega á explanada do núcleo da Seca, en Poio (situada a carón do colexio público Isidora Riestra), para que mozas e mozos maiores de 12 anos se inicien no mundo da cultura urbana a través dunha serie de obradoiros. Na xornada participarán a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e a deputada de Deportes, Chelo Besada. Con esta iniciativa, impulsada polo servizo de Cohesión Social e Xuventude da institución provincial, a Deputación de Pontevedra oferta actividades de música, baile e de pintura urbana para a mocidade da provincia como unha alternativa de ocio.

A xornada organizada en Poio é unha nova parada polo percorrido que "DepoRÚArte" está a facer ao longo dos concellos da provincia, unha andaina que comezou este ano en Nigrán e seguiu en Marín, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Silleda e A Estrada. As quendas de "DepoRÚArte" deste ano 2017 continuarán ao longo do mes de outubro, cando chegará aos concellos do Porriño, Mondariz e Tui.

Os mozos e as mozas que participen na xornada de Poio poderán iniciarse en distintas modalidades da cultura urbana, distribuídas en tres bloques temáticos de obradoiros. Deste xeito, a través de MusicArte, terán á súa disposición obradoiros de breakdance (unha práctica de baile que fomenta a superación persoal e a mellora da autoestima, á vez que estimula a creatividade), de turntablism DJ (a técnica consistente en mover un vinilo cara adiante e cara atrás sobre o prato do tocadiscos para crear un efecto similar ao de raiar o disco) e tamén de beatbox (creación musical –ritmos, melodías, efectos ou letras– soamente con recursos corporais, principalmente a boca).

A través do bloque temático de UrbanArte, as mozas e mozos que se acheguen á explanada da Seca poderán participar no obradoiro de graffiti, empregando os sprays para comunicar ideas, inquedanzas e preocupacións do presente e do futuro a través da pintura. Por último, o bloque de CreArte incluirá un obradoiro de personalización de gorras trucker na que as persoas que participen deseñarán os seus nomes en letras de graffiti para plasmalos na parte frontal das súas gorras, dándolle un estilo propio e moi colorido.

As mozas e mozos a partir de 12 anos interesados en participar nesta nova edición de "DepoRÚArte" en Poio soamente terán que achegarse de 17:00 a 20:00 horas á explanada da Seca, unha localización que mudará polo pavillón do colexio Isidora Riestra no caso de que a choiva impida a súa celebración no exterior. Ademais, este ano por primeira vez, "DepoRÚArte" inclúe un compoñente inclusivo para que poidan participar nas súas actividades tanto nenas e nenos coma monitoras e monitores con diversidade funcional e mobilidade reducida.

Fotos