Noticias

A Deputación de Pontevedra apraza a celebración do programa "DepoRúarte" en Mondariz e Tui por mor dos incendios

Estaba previsto que esta iniciativa de cultura e arte urbana da institución provincial se celebrase mañá en Mondariz e o vindeiro sábado en Tui


20 outubro 2017
DepoRÚArte

A Deputación de Pontevedra decidiu aprazar sine díe a celebración dos obradoiros de cultura e arte urbanas "DepoRúarte" que estaban previstos mañá en Mondariz e o vindeiro sábado en Tui debido aos incendios que afectaron en gran medida á provincia.

O programa "DepoRúarte", impulsado polo servizo de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra, ten por obxectivo difundir actividades relacionadas coa música, o baile e a pintura urbanas como unha alternativa de ocio para as mozas e mozos a partir dos 12 anos de idade. Máis polo miúdo, as actividades propostas agrúpanse en tres bloques temáticos de obradoiros: MusicArte, UrbanArte e CreArte. O primeiro deles consiste na celebración de talleres de breakdance, turntablism DJ e beatbox; o segundo bloque, UrbanArte, céntrase no graffiti e CreArte, na personalización de gorras trucker.

Ata o momento a mocidade dos concellos de Nigrán, Marín, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Silleda, A Estrada, Poio e O Porriño xa puideron gozar desta iniciativa. Os concellos de Mondariz e Tui eran as citas seguintes que ían pechar, ademais, a edición do 2017 de "DepoRúarte".