Noticias

Depo RúARTE chega este venres ao CIP de Mondariz cos seus obradoiros de cultura urbana

As actividades estaban programadas para o 21 de outubro pero o evento tivo que ser aprazado por mor dos incendios que afectaron ao concello


02 novembro 2017
DepoRÚArte

A segunda edición do programa Depo RúARTE chega este venres 3 de novembro ao CIP Mondariz, que acollerá as actividades do programa impulsado polo Servizo de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra. Na xornada, que comezará ás 11.40 horas e que está destinada a mozas e mozos maiores de 12 anos que queiran iniciarse no mundo da cultura urbana, participarán a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín.

A visita de Depo RúARTE ao Concello de Mondariz estaba prevista para o día 21 de outubro pero finalmente se tivo que pospoñer por mor dos incendios que sufriu a provincia de Pontevedra durante a fin de semana anterior e que afectaron á vila do Condado. A xornada é unha nova parada polo percorrido que Depo RúARTE está a facer ao longo dos concellos da provincia, unha andaina que comezou este ano en Nigrán e seguiu por Marín, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Silleda, A Estrada e O Porriño.

Os centos de mozos e mozas que participarán na xornada de Mondariz poderán iniciarse en distintas modalidades da cultura urbana, distribuídas en tres bloques temáticos de obradoiros. Deste xeito, a través de MusicARTE, terán á súa disposición obradoiros de breakdance (unha práctica de baile que fomenta a superación persoal e a mellora da autoestima, á vez que estimula a creatividade), de turntablism DJ (a técnica consistente en mover un vinilo cara adiante e cara atrás sobre o prato do tocadiscos para crear un efecto similar ao de raiar o disco) e tamén de beatbox (creación musical, ritmos, melodías, efectos ou letras soamente con recursos corporais, principalmente a boca).

A través do bloque temático de UrbanARTE, as mozas e mozos que asistan o evento poderán participar no obradoiro de graffiti, empregando os sprays para comunicar ideas, inquedanzas e preocupacións do presente e do futuro a través da pintura. Por último, o bloque de CreARTE incluirá un obradoiro de personalización de gorras trucker na que as persoas que participen deseñarán os seus nomes en letras de graffiti para plasmalos na parte frontal das súas gorras, dándolle un estilo propio e moi colorido.

Este ano, por vez primeira o programa promovido pola institución provincial ten un compoñente inclusivo, para que mozas e mozos e monitoras e monitores con diversidade funcional tamén poidan participar nas actividades de Depo RúARTE. As actividades, que terán no CIP de Mondariz, comezarán ás 11:40 e alongaranse ata as 14:40 horas.

Fotos


Novas relacionadas