Noticias

"Depo RúARTE 2017" chega este xoves a Silleda cunha previsión de asistencia de récord

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde, Manuel Cuiña, asistirán ás actividades no recinto do IES Pintor Colmeiro


20 setembro 2017
DepoRuarte Silleda

O recinto do IES Pintor Colmeiro de Silleda acollerá este xoves 21 de setembro a quinta cita do programa "DepoRúarte 2017", impulsado pola Deputación de Pontevedra a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude. No evento participará a presidente da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña Fernández.

As previsións para esta n0va actividade de "DepoRúarte 2017" indican que será un éxito, xa que están anotados ao evento máis de 400 mozos e mozas de Silleda, cifra que suporía a maior afluencia do ano nunha xornada do programa creado pola Deputación. Ata agora o programa pasou por Nigrán, Marín, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa.

Nesta xornada se organizarán obradoiros entorno a tres iniciativas: MusicARTE, UrbanARTE e CreARTE. Con MusicARTE ofreceranse tres obradoiros grazas os cales as mozas e mozos participantes poderán aprender breakdance, turntablism DJ e beatbox. En canto a UrbanARTE se ofrece unha actividade para a creación e elaboración de pinturas coa base dos graffiti co fin de comunicar ideas, inquedanzas e preocupacións do presente e do futuro. Por último, CreARTE consiste en personalizar gorras con debuxos coloridos elaborados na parte frontal.

Este ano, por vez primeira o programa promovido pola institución provincial ten un compoñente inclusivo, para que mozas e mozos e monitoras e monitores con diversidade funcional tamén poidan participar nas actividades de "Depo RúARTE".

Tras completar as cinco primeiras xornadas co paso por Silleda, "Depo RúARTE" chegará á Estrada o vindeiro sábado de setembro para posteriormente visitar Poio, Mondariz, O Porriño e Tui.

Fotos