Noticias

"Depo RúARTE" chega este sábado ao concello do Porriño cos seus obradoiros de cultura urbana

Nas actividades de breakdance, graffiti e personalización de gorras, entre outras, poderán participar as mozas e mozos a partir dos 12 anos


05 outubro 2017
DepoRúARTE

A segunda edición do programa "Depo RúARTE" continúa a súa andaina polos concellos da provincia. Este sábado 7 de outubro será o Parque Arquitecto Antonio Palacios do Porriño o que acolla as actividades deste programa impulsado polo servizo de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra. Na xornada, destinada a mozas e mozos maiores de 12 anos que queiran iniciarse no mundo da cultura urbana, participarán a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre.

A xornada organizada no Porriño é unha nova parada polo percorrido que "Depo RúARTE" está a facer polos concellos da provincia, unha andaina que comezou este ano en Nigrán e seguiu en Marín, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Silleda, A Estrada e O Porriño. O percorrido deste ano 2017 continuará ao longo do mes de outubro, cando chegará aos concellos de Mondariz e Tui.

As mozas e mozos que participen na xornada do Porriño poderán iniciarse en distintas modalidades da cultura urbana, distribuídas en tres bloques temáticos de obradoiros. Deste xeito, a través de MusicARTE, terán á súa disposición obradoiros de breakdance (unha práctica de baile que fomenta a superación persoal e a mellora da autoestima, á vez que estimula a creatividade), de turntablism DJ (a técnica consistente en mover un vinilo cara adiante e cara atrás sobre o prato do tocadiscos para crear un efecto similar ao de raiar o disco) e tamén de beatbox (creación musical –ritmos, melodías, efectos ou letras– soamente con recursos corporais, principalmente a boca).

A través do bloque temático de UrbanARTE, as mozas e mozos que asistan o evento poderán participar no obradoiro de graffiti, empregando os sprays para comunicar ideas, inquedanzas e preocupacións do presente e do futuro a través da pintura. Por último, o bloque de CreARTE incluirá un obradoiro de personalización de gorras trucker, no que as persoas participantes deseñarán os seus nomes en letras de graffiti para plasmalos na parte frontal das súas gorras, dándolles un estilo propio e moi colorido.

Este ano, por vez primeira o programa promovido pola institución provincial ten un compoñente inclusivo, para que mozas e mozos e monitoras e monitores con diversidade funcional tamén poidan participar nas actividades de "Depo RúARTE".

As mozas e mozos de a partir de 12 anos con interese en participar nesta nova quenda de "Depo RúARTE" soamente terán que achegarse de 17:00 a 20:00 horas ao Parque Arquitecto Antonio Palacios do Porriño.

Fotos