Noticias

O Plan Concellos achega 230.000 € a Covelo para a mellora de varios viarios municipais

O grao de execución do Plan Concellos 2016 en Covelo atópase neste momento nun 86%, o que supón un investimento na vila de 363.756,68 €


24 xuñ 2016

A Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar a achega de 231.719,78 € ao concello de Covelo destinados á mellora do pavimento, o drenaxe e a reconstrución de muros de varios viarios municipais situados en Fofe, Santa Mariña, Casteláns, Maceira, Barciademera, Godóns, Campo, Prado de Canda, Casteláns e San Salvador de Prado. Faino a través de dúas partidas (unha de 115.556,54 € e outra de 116.163,24 €) situadas, ambas as dúas, na liña 1 (investimentos) do Plan Concellos 2016.

Esta axuda súmase ás xa outorgadas con anterioridade: 21.000 € en liña 1 para a rehabilitación de palcos e a instalación dun parque biosaudable en Maceira ou 15.862,41 € na liña 3 –actividades culturais, deportivas, musicais e medioambientais– con motivo do financiamento de varias actividades: os II Galardóns "Síntete Covelo 2016", un proxecto piloto de inserción social e prelaboral ligado ás hortas ecolóxicas, a Feira de Artesanía, Comercio e Servizos, as festas patronais de 2016, o II Concurso de Contos do Concello de Covelo, un proxecto educativo e de promoción de hábitos saudables e o ciclo deportivo "Móvete en Covelo", sumando todas elas unha dotación de 15.862,41 €. Por outra banda, a liña 4 –plans de emprego– dedicou un total de 95.174,49 € á contratación de 20 traballadores e traballadoras para realizar diversas tarefas municipais.

Os 363.756,68 € achegados ata o momento polo Plan Concellos 2016 ao concello de Covelo supoñen o 86% do investimento total.