Noticias

O goberno de Carmela Silva destina a Covelo o 100% do Plan Concellos 2017

A Xunta de Goberno aprobou as dúas últimas achegas a Covelo para muros e pavimentación de camiños en Casteláns, Maceira, Barciademera, Godóns, Piñeiro e Prado


01 outubro 2017
Plan Concellos 2017

A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou dúas novas axudas para o Concello de Covelo ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2017 de investimentos. Deste xeito, a institución provincial achegará a cantidade total de 231.832,52 € para a mellora de muros e pavimentos de camiños.

Máis polo miúdo, Covelo recibirá 118.120,13 euros para muros e a pavimentación de camiños en Casteláns, Maceira e Barciademera e outros 113.712,39 euros para a mesma actuación en Godóns, Piñeiro e Prado.

Con estas novas achegas a Deputación de Pontevedra xa investiu os preto de 450.000€ que lle corresponden a Covelo ao abeiro do Plan Concellos 2017. Con anterioridade, a vila xa recibira 42.045,81 €, tamén na liña 1 de investimentos, para o acondicionamento do centro de saúde de Maceira, 20.065,01 € para o acondicionamento da praza pública e entorno da casa social de Prado, 24.622,29 euros para a mellora de baños na praia fluvial de Barciademera e outros 21.513,55 euros para o peche exterior, instalación e equipamento de cociña no centro cultural de Paraños. Xunto a esas actuacións, a institución provincial tamén aprobou destinar 4.148 euros para o programa social de hortas ecolóxicas, 2.618 euros para proxectos educativos, promoción de hábitos saudables e de prevención na infancia, a escola de verán e Nadal e, por último, a cantidade de 118.223,61 euros que permitiron a contratación de 21 persoas para garantir os servizos municipais na vila.

Desta maneira, Covelo xa completou as subvencións da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2017, é dicir, durante este ano recibiu a través desta iniciativa un total de 447.542,17 €.