Noticias

O "Plan Concellos 2017" destina preto de 70.000 euros a Covelo para o acondicionamento de espazos

A institución provincial leva entregado o 48% do total destinado a Covelo dentro do Plan, un investimento superior aos 200.000 euros


26 xullo 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dous novos investimentos para o concello de Covelo ao abeiro da liña 1 do "Plan Concellos 2017" que suman un total de 66.668,10 euros. Deste xeito, con 42.045,81 €, a vila poderá realizar o acondicionamento do centro de saúde de Maceira e, cun investimento doutros 24.622,29 €, o acondicionamento dos baños da praia fluvial de Barcia De Mera.

Anteriormente, Covelo xa recibira outros 41.578,56 euros, tamén na liña 1, con destino ao financiamento do acondicionamento da praza pública e a mellora da contorna da casa social de Prado e para o pechamento exterior, a instalación e equipamentos de cociñas no centro cultural de Paraños. Ademais, 6.766 € en liña 2 para o pagamento de gastos correntes e, por último, outros 100.696,99 € en liña 3 para a contratación de 21 persoas nos distintos servizos municipais desta vila.

Grazas a esta nova achega, a vila de Covelo xa leva aprobado o 48,2% do total de investimento que recibe dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 215.709,65 € dun total de preto de 450.000 euros.