Noticias

A Deputación reconstrúe o muro de sostemento e o firme da estrada Covelo-Barcia de Mera

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez destaca que a actuación, cun orzamento de máis de 52.000 euros, busca garantir a seguranza viaria logo dos derrubamentos producidos na zona


15 abril 2017
Covelo-Barcia de Mera

A Deputación de Pontevedra está a reconstruír o muro de sostemento e o firme da estrada
EP-5106 entre Covelo e Barcia de Mera, no concello de Covelo. O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, indicou que a actuación, cun orzamento de máis de 52.000 euros, busca garantir a seguranza viaria logo do recente derrubamento do muro existente, con desprendementos de terra e de parte do paquete de firme da estrada.

O obxecto das obras é solucionar o problema causado no punto quilométrico 7+500. A actuación proxectada prevía a demolición e retirada de 60 metros do firme existente que se vira afectado pola caída do muro e do noiro, para posteriormente realizar un saneamento do terreo da base da plataforma viaria así como das beiravías, repoñéndoo con material de tipo xabre que funciona de base para o novo muro de sostemento. Posteriormente executouse un muro de contención de cachotaría de pedra granítica de 50 metros, que sosterá o novo paquete de firme e que nestes días estará  rematado.

Actuación de saneo

Para realizar o saneamento da base da estrada foi preciso que as persoas operarias, nun primeiro momento, realizasen o corte, demolición e levantamento de 25 centímetros de pavimento de aglomerado asfáltico existente (que estaba danado) cunha cortadora de disco de diamante e unha retroescavadora con martelo rompedor. Unha vez retiradas tamén as pedras do vello muro e saneado o terreo foi o momento da extensión e compactación de terras de préstamo para formar a subbase.

Nos vindeiros días procederase á reposición da capa de rodaxe, á colocación dunha nova barreira de seguridade lateral, ao pintado das marcas viarias, así como á recolocación dos postes da luz que foran retirados por estar na zona de afección da obra.

Os traballos, financiados polo departamento de Mobilidade que dirixe o deputado Uxío Benítez, tiveron un orzamento de 52.596,50 euros e foron adxudicados á empresa Construcciones Castro Figueiró.