Noticias

O "Plan Concellos 2017" da Deputación de Pontevedra destina máis de 40.000 euros a novos investimentos en Covelo

Con estas achegas a Deputación de Pontevedra aprobou xa o 33,3 % do orzamento que lle corresponde a Covelo o abeiro do "Plan Concellos 2017"


16 xullo 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas achegas ao Concello de Covelo no marco do "Plan Concellos 2017", dentro da súa liña 1 de Investimentos. Deste xeito, Covelo recibe 20.065,01 euros para o acondicionamento da praza pública e para a mellora do entorno da Casa Social de San Salvador de Prado de 21.513,55 euros para o pechamento exterior e instalación de equipamentos de cociña no Centro Cultural de Paraños. En total, estas dúas novas axudas suman un investimento total por parte da institución provincial situado en 41.578,56 euros.

Ao abeiro do "Plan Concellos 2017", anteriormente a institución provincial xa destinara a Covelo 6.766 euros en liña 2 para o programa social de hortas ecolóxicas, proxectos educativos e promoción de hábitos saudables e de prevención na infancia e para as escolas de verán e de nadal. Ademais, outros 100.696,99 euros para a contratación de 21 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Coa suma desta nova achega, Covelo xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 33,3 % do total do investimento que lle corresponde dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 149.041,55 euros dun total de preto de 450.000 euros.