Noticias

A Xunta de Goberno da Deputación aproba novos investimentos por valor de máis de 250.000 euros para Gondomar ao abeiro do "Plan Concellos 2017"

A institución provincial leva entregado o 65% do total destinado a Gondomar dentro do Plan, un investimento superior aos 600.000 euros


23 xullo 2017
Plan Concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar dous novos investimentos para a vila de Gondomar ao abeiro da liña 1 do "Plan Concellos 2017". Cun importe total situado en 263.202,28 euros, o concello da comarca de Vigo poderá desenvolver diversas actuacións en materia de seguridade viaria e reparación de camiños, cunha achega valorada en 134.419,05 euros e, ademais, a mellora de camiños en Igrexa e en San Martiño (Borreiros), por valor de 128.783,23 euros.

Con estas novas aprobacións, sinalou a Presidenta provincial, Carmela Silva, "ata o momento xa se aprobaron máis de 600.000 euros para Gondomar ao abeiro do Plan Concellos 2017", un investimento total de 611.446,28 € que supón que "a porcentaxe total adxudicada ata hoxe se sitúa no 65%". Este ano, Gondomar recibe un total de máis de 940.000 euros no Plan Concellos, un 7% máis de recursos en comparación co ano pasado (4 puntos máis que a media provincial, cuxo incremento se sitúa no 3%).

Anteriormente, Gondomar xa recibira a cantidade de 97.478,30 € para levar a cabo a adquisición dun vehículo para a concellaría de Vías e Obras e dunha desbrozadora de brazo lateral, un proxecto de instalación dunha pasarela peonil na contorna do seu Mercado de Abastos e para a compra dun vehículo que empregará o persoal da Concellaría de Benestar Social. Á marxe da liña 1, outros 39.765,09 € en liña 2 para distintos gastos correntes e actividades como unha aula de teatro, obradoiros de memoria, de informática de mantemento ou de informática para persoas maiores, un ciclo de cinema, o "Gondoverán" 2017, unha carreira a prol da corresponsabilidade, entre outras, e finalmente outros 211.00,61 € en liña 3 para a contratación de 21 persoas nos distintos servizos municipais desta vila.

O goberno de Carmela Silva, con estas achegas aprobadas para Gondomar, leva xa distribuídos preto de 31 millóns de euros entre os concellos da provincia, é dicir, o 74,3% do Plan Concellos. Máis polo miúdo, 18,7 millóns de euros correspóndense coa liña 1, de investimentos, 3,4 millóns de euros coa liña 2, gastos correntes e actividades e, finalmente, outros 8,5 millóns de euros coa liña 3 de emprego.


Novas relacionadas

Plan Concellos 2017

21 maio 2017, cuntis, o rosal, salvaterra de miño, gondomar, ponteareas, plan concellos 2017