Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba novos investimentos por valor de máis de medio millón de euros para catro vilas ao abeiro do Plan Concellos

Ata o momento, a Xunta de Goberno destinou máis de 34 millóns de euros aos concellos da provincia, o 82,5 % do total do Plan 2017


29 setembro 2017
Plan Concellos 2017

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novas achegas por valor de 538.191,62 euros para que os concellos de Covelo, A Estrada, Ponte Caldelas e Vilagarcía de Arousa poidan afrontar cinco novos investimentos. Con esta concesión, a Xunta de Goberno xa destinou máis de 34 millóns de euros aos concellos da provincia, o que supón o 82,5 % do total do Plan Concellos 2017.

Covelo recibirá 231.832,52 euros para a pavimentación de camiños e muros en Casteláns, Maceira, Barcia de Mera, Godóns, O Piñeiro e Prado. Con esta achega, a vila ten xa o 100 % do Plan Concellos 2017 aprobado, con preto de 450.000 euros concedidos. No caso da Estrada, a Deputación de Pontevedra aprobou destinar 83.490 euros para a adquisición de marquesiñas. A presidenta provincial subliñou que "con esta achega o concello da Estrada ten xa aprobado o 85,2 % do orzamento que lle corresponde do Plan Concellos 2017 e que, este ano, ascende a 1,5 millóns de euros".

Pola súa banda, o concello de Ponte Caldelas recibirá 122.869,11 euros para obras de mellora en vías municipais de Caritel, A Insua, Tourón, Avecil e de acceso a Santa Comba. Con esta achega, a vila ten xa o 81,4 % do Plan Concellos 2017 aprobado, con preto de 450.000 euros xa adxudicados. No caso de Vilagarcía de Arousa, a Xunta de Goberno aprobou destinar 99.999,99 euros para renovar varandas no entorno de Vista Alegre. Ata o momento, este concello ten aprobado o 80,2 % do orzamento do plan, con máis de 1,1 millóns de euros concedidos.