Noticias

Covelo recibirá en 2017 preto de 450.000 € do Plan Concellos, un 6 % máis de recursos que en 2016, 3 puntos máis que a media da provincia

O Plan da Deputación para 2017 achégalles un 3 % máis de cartos aos concellos da provincia, polo que o incremento en Covelo dobra a media provincial


08 xaneiro 2017
Covelo

A Deputación de Pontevedra achegaralle este ano 2017 un 6 % máis de recursos ao Concello de Covelo no marco do Plan Concellos 2017, un incremento que dobra a media provincial (situado no 3 %) e que se recolle nas novas bases do Plan, que teñen por obxectivo beneficiar os concellos máis pequenos da provincia. Deste xeito, a vila recibirá un total de 447.592,17 € do Plan Concellos 2017, 24.544,45 euros máis que en 2016, o que se traduce nun incremento do 5,8 % dos recursos que recibiu con respecto ao ano pasado, no que xa tivo un 19,25 % de incremento respecto a 2015 (isto é, 68.287,15 € máis). Á marxe do Plan Concellos, Covelo recibirá este ano outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos totais durante 2016

Durante 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Covelo un total de 605.895,02 euros (unha media de 239,70 € por habitante), dos cales 422.997,72 € se corresponderon co Plan Concellos 2016. Ademais, a institución provincial investiu 61.000 € en mobilidade, 43.000 € en cohesión social e xuventude, 13.000 € en cultura e lingua, 20.000 € para o fomento do emprego, 3.000 €para o impulso do deporte e outros 900 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos investíronse 311.960,82€ para a mellora das pavimentacións e drenaxes en vías municipais de Prado de Canda, Casteláns, A Graña, Barciademera e San Salvador de Prado; para a mellora de pavimentacións, drenaxes e reconstrución de muros en vías municipais de Fofe, Santa María, Casteláns, Maceira, Barciademera, Godóns e Campo; para a rehabilitación do centro cultural de Baldomar; para a marquesiña de acceso ao polideportivo municipal e para a rehabilitación dos palcos de música e a instalación dun parque biosaudable en Maceira. Ademais, 15.862,41 €, na liña 3, destináronse a diversas actividades, coma as festas patronais, un proxecto educativo e de promoción de hábitos saudables e de prevención na infancia (no marco da Escola de Verán), un proxecto piloto de inserción social e prelaboral nas hortas ecolóxicas do concello, os II Galardóns "Síntete Covelo", a celebración do Samaín, un concurso de contos e o ciclo deportivo "Móvete en Covelo"; e, grazas á liña 4, creáronse 20 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 95.174,49 euros.

Á marxe do Plan Concellos 2016, Covelo recibiu 13.391,88 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con máis de 20 actuacións do Pontegal, así como as axudas á rehabilitación e á sinalización do patrimonio histórico-cultural e á memoria histórica, e as axudas á dinamización lingüística. Tamén se destinaron 42.593,34 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociaiscomunitarios (entre eles o Servizo de Axuda no Fogar), as axudas básicas de emerxencia e o servizo de teleasistencia domiciliaria (do que se benefician 9 persoas) ou ben mediante os programas "En Ruta coa Depo", "Depo en marcha" e "Depotermal", no que participaron 16 persoas maiores do concello.

Así mesmo, Covelo recibiu 3.317 € para o deporte federado de base, a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra e a DEPOrte Escola de taekwondo, así como 20.045,76 € para o fomento do emprego a través do Plan de práctica laboral, que permite que dúas persoas estean a desenvolver a súa primeira experiencia laboral no Concello de Covelo. Tamén se achegaron 889,35 € para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a través do programa "Conectadas 2016"; e outros 61.112,58 € en materia de mobilidade, en concreto para o Plan Móvese e as obras de sinalización horizontal nas vías provinciais.