Noticias

Aberto o prazo para presentarse ás 20 prazas de persoal interino do Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases da convocatoria


15 marzo 2017
Traballador

O Boletín Oficial da Provincia (BOPO) publica hoxe as bases da convocatoria para o proceso de selección de 20 prazas de persoal interino para o Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación. O prazo para presentar as solicitudes será de 15 días naturais contados a partir de mañá xoves.

Esta convocatoria, que se resolverá polo sistema de oposición libre, xorde pola necesidade de dar continuidade ao Plan Revitaliza posto en marcha desde a Deputación de Pontevedra co obxecto de cambiar o actual sistema de tratamento de residuos nos concellos de Pontevedra, cunha aposta clara pola implantación de composteiros individuais, os centros de compostaxe comunitaria e as plantas comarcais de compostaxe.

Hai que lembrar que foron 29 os concellos que se adheriron ao plan na súa segunda fase, polo que resulta "urxente dotar (…)  do persoal necesario para dar continuidade ao citado programa e poder abordar a asistencia técnica e a supervisión de todo o proceso que implica o cambio do actual sistema de tratamento dos residuos nos distintos concellos adheridos".

En total ofértanse vinte prazas de persoal interino por programa. Doce delas son de mestras e mestres composteiros, que constituirían unha categoría de empregados cun status de capataz cualificado ou similar –C1– para, entre outras funcións, dar soporte técnico e participar activamente nos traballos físicos no proceso da compostaxe comunitaria, resolvendo as dúbidas e os problemas que poidan xurdir durante todas as fases do proceso. Encargaranse, ademais, das funcións de supervisión dos composteiros indivisuais e tamén do control e supervisión do funcionamento das futuras plantas.

As técnicas e técnicos de xestión de residuos municipais e tratamento de biorresiduos (seis prazas A2) constituirán unha categoría especializada de empregados con múltiples funcións, desde traballos prácticos de campo ata a elaboración de plans de residuos completos para concellos ou mancomunidades, así como labores de coordinación, impulso e xestión de ámbitos complexos dentro do Plan Revitaliza.

Por último, o persoal técnico de xestión económico-administrativa (dúas prazas A2), con coñecementos en materia de residuos municipais, prestará apoio nas funcións de asesoramento e redacción, entre outras, de propostas de regulamentos, ordenanzas fiscais e estudos económico-financeiros relativos ao Plan Revitaliza e aos plans de residuos municipais.

Máis información sobre os requirimentos específicos de cada proceso selectivo en http://www.depo.es/interinidades/diverso-persoal-revitaliza.