Noticias

O 90% dos aspirantes a ser mestr*s composteir*s do Plan Revitaliza teñen titulación universitaria

O vicepresidente Mosquera destacou a alta cualificación dos 20 seleccionados que realizarán o curso de formación na ‘Facultade da Compostaxe'


17 marzo 2017
Mestres Composteiros

O 90% dos aspirantes a mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza de compostaxe provincial teñen titulación universitaria. Así se puido comprobar tras finalizar as dúas primeiras probas de selección para escoller aos 15 bolseiros que traballarán para fomentar a compostaxe e encargarse dos composteiros distribuídos pola Deputación na provincia. Segundo indicou o vicepresidente Mosquera, trátase de persoal cunha cualificación moi superior á esixida nas bases da convocatoria (FP2), ao igual que xa ocorrera na convocatoria de 2015: "A compostaxe é un importante nicho de emprego tanto no sector público como no privado que ten atractivo e moitos visos de futuro", dixo.

No día de hoxe fixéronse públicos os nomes dos 20 aspirantes que superaron a entrevista persoal e que pasarán á terceira fase: o curso de formación na denominada ‘Facultade da Compostaxe'. Seis deles teñen licenciatura en Bioloxía, catro teñen grao en Enxeñería Forestal e outro Enxeñería Agrícola, dous son licenciados en Químicas, outros dous en Ciencias do Mar, outro en Ciencias Ambientais e outro en Económicas, así como tamén hai  unha persoa chegada de Arquitectura. Finalmente hai dúas persoas que cursaron un Ciclo Superior en Xestión Forestal e Recursos Naturais.

No curso da ‘Facultade de Compostaxe' os 20 aspirantes recibirán clases teóricas e prácticas durante un mes por parte de profesorado especializado chegado tanto do estranxeiro, como de organismos e entidades estatais e galegas. Finalizada a formación realizarase unha selección dos 15 mellores en función das cualificacións obtidas para obter as bolsas de mestras e mestres composteiros.

Hai que lembrar que a Deputación recibiu 232 solicitudes para participar no proceso de selección, excluíronse 20 candidatos por non cumprir os requisitos das bases, e foron convocados a exame 212 persoas, das que non se presentaron 64. Dos 148 pasaron á entrevista persoal 25.