Noticias

Outros tres concellos súmanse ao Plan Compost Revitaliza da Deputación de Pontevedra

Lalín, Ponteareas e Sanxenxo presentaron os seus proxectos para instalar centros de compostaxe comunitaria e xa son 23 os municipios que se unen ao novo programa provincial de tratamento de residuos


11 feb 2016

O Plan Compost Revitaliza da Deputación de Pontevedra segue a sumar concellos. Hoxe a institución provincial recibiu tres novos proxectos dos municipios de Lalín, Ponteareas e Sanxenxo para a instalación de cinco centros de compostaxe comunitaria que foran presentados dentro do prazo oficial nas oficinas periféricas do ORAL. Deste xeito, o novo programa provincial para o tratamento de residuos acada xa 23 participantes que apostan por unha nova forma de xestionar o lixo orgánico que permite melloras ambientais e un aforro substancial dos custos municipais do servizo.

As novas incorporacións súmanse á lista formada por Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Gondomar, A Illa de Arousa, Moaña, Nigrán, O Grove, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

O vicepresidente provincial, César Mosquera, que xa cualificara o pasado venres de "sumamente positiva" a ampla resposta dos concellos da provincia, manifestou hoxe a súa satisfacción ao comprobar que a cifra aumentara, o que leva a Deputación de Pontevedra a seguir traballando no proxecto. Mosquera lembrou que a institución provincial está a apostar pola compostaxe como forma de xestión para darlles alternativas aos concellos, que ven que o tratamento do lixo representa un desembolso económico moi importante que impide o desenvolvemento doutras iniciativas municipais. De feito, sinalou que a maior parte dos concellos da provincia apenas cobren unha terceira parte do custo real do servizo (preto de 200 euros) coas taxas que pagan os cidadáns. "O tratamento do lixo tal e como o concibimos hoxe non é sostible, polo que é preciso buscar solución", confirmou o vicepresidente, que indicou que  a compostaxe servirá para tratar o 40 % dos residuos que xera cada fogar (a parte orgánica formada por restos de comida e vexetais) evitando os custos de recollida e de transporte a calquera planta de tratamento, así como a tarifa de 81 euros por tonelada que aplica Sogama a día de hoxe. Mosquera tamén lembrou que, ademais dos beneficios económicos e ambientais da compostaxe, a aplicación do novo sistema de tratamento do lixo servirá para cumprir a normativa europea en materia de residuos. Esta normativa establece que en 2016 os concellos deben reutilizar ou preparar para a reciclaxe o 50 % dos seus residuos, se ben hai unha prórroga de catro anos (ata 2020) para cumprir coas esixencias. Nestes momentos a cifra de reutilización e reciclaxe está moi por debaixo deses requirimentos da Unión Europea, o que levaría os municipios a facer fronte a posibles sancións.

Esixencias da normativa europea

Os alumnos da "Facultade da compostaxe", que se están a preparar para seren mestras e mestres composteiros cunha bolsa da Deputación de Pontevedra, están a coñecer a lexislación en materia de residuos no módulo formativo desta semana. En canto ás esixencias da normativa europea ás que fai referencia o vicepresidente, Mosquera, mañá venres falará o director da rede europea Zero Waste Europe, localizada en Bruxelas, Joan Marc Simón.

Economista de formación, especializado en relacións internacionais e sustentabilidade, conta con dez anos de experiencia na xestión de residuos a nivel europeo. Colaborou na redacción de plans de residuos a nivel local e participou na creación de novos modelos de negocio baseados no residuo cero. A organización que dirixe está dedicada a promover prácticas residuo cero en todo o continente e influenciar a toma de decisións europeas no campo da xestión de residuos.