Noticias

A Deputación de Pontevedra pon en marcha cinco novos cursos do programa "Conectadas 2017"

Ponteareas, Lalín, Soutomaior, Arbo e A Estrada acollerán estes obradoiros


30 xullo 2017
Conectadas

A Deputación de Pontevedra pon en marcha cinco novas accións formativas dentro do programa "Conectadas 2017", promovido polo Servizo de Igualdade da institución provincial. Os cursos impartiranse nos concellos de Ponteareas, Lalín, Soutomaior, Arbo e A Estrada e están dirixidos a potenciar a participación e promoción das mulleres e a mellorar a súa formación básica.

Así, en Ponteareas, a partir do 31 de xullo, a Asociación Cultural San Nicolás de Prado será a encargada de xestionar un curso de zumba, que se desenvolverá os luns e os mércores no barrio do Souto-Outeiro.

En Lalín as clases comezarán tamén o último día do mes de xullo e impartiranse no local social da avenida da Estación número 8, os luns e os xoves. O curso, organizado pola Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural do Deza, centrarase no traballo sobre tea, coiro, madeira e outros materiais.

En Arcade, no concello de Soutomaior, a Asociación Cultural e Veciñal Soutovello ofrecerá un curso sobre hortas ecolóxicas, a partir do 1 de agosto, os martes e os xoves, no local da rúa do Forno, 1 A.

A Asociación de Mulleres Rurais Arbenses será a encargada de coordinar o curso sobre traballos sobre tea, coiro, madeira e outros materiais, que no caso do concello de Arbo comezará o día 2 de agosto e será impartido os martes e mércores no baixo do número 1 da rúa Luís Cubelas.

Por último, a partir do 3 de agosto, A Estrada acollerá un curso de risoterapia, que estará xestionado pola Asociación de Veciños de San Miguel de Cora, e que se desenvolverá os xoves no local social do lugar de Piñeiro, na parroquia de San Miguel de Cora.

"Conectadas 2017" ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, ademais de contribuír a mellorar a súa empregabilidade e a mantelas no mercado de traballo e reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías.

O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes.  Cada unha das asociacións poderá desenvolver unha acción formativa, de 35 horas de duración, distribuídas en oito bloques temáticos: "Muller emprende" (emprendemento), "Muller e cultura" (dedicado ás artes visuais), "Actualízate" (alfabetización dixital), "Coas túas mans" (traballos manuais), "Porque ti o fas" (xardinería e ornamentación floral), "Súmate ao cambio" (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), "Ponte en forma" (deportes) e "Coidados persoais".

A Deputación de Pontevedra destinou 324.000 € a esta edición do "Conectadas 2017". O pasado ano sumáronse máis de 5.000 persoas a estas accións formativas que teñen por obxectivo impulsar a igualdade real e garantir o acceso de todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades.


Novas relacionadas

Conectadas 2017

14 outubro 2017, igualdade, conectadas 2017, deputación de pontevedra
Conectadas

18 setembro 2017, obradoiros, igualdad, igualdade, cursos, conectadas 2017
Conectadas

02 setembro 2017, obradoiros, igualdad, conectadas, conectadas 2017
conectadas 2017

20 agosto 2017, mondariz, igualdade, vigo, conectadas, conectadas 2017