Noticias

Os obradoiros do programa "Conectadas 2017" chegan esta semana a tres concellos da provincia

Preto de 100 mulleres beneficiaranse da iniciativa de Igualdade, que busca potenciar a participación e promoción das mulleres e mellorar a súa formación básica


20 agosto 2017
conectadas 2017

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta semana tres novas accións formativas dentro do programa "Conectadas 2017", promovido polo Servizo de Igualdade da institución provincial, para tres concellos da provincia de Pontevedra e dos que se beneficiarán preto de 100 mulleres destas vilas. Estes novos obradoiros, que están dirixidos a potenciar a participación e promoción das mulleres e a mellorar a súa formación básica, terán lugar nos concellos da Estrada, Mondariz e Vigo.

Este luns 21 de agosto comezará a primeira destas accións formativas. Vigo será escenario dun obradoiro de ioga do que desfrutarán usuarias da Asociación de Veciños de Novo Vigo. O obxectivo desta actividade será mellorar a forma física a través de sinxelos exercicios de estiramento, meditación e respiración; realizar unha correcta coordinación motriz e adquirir destrezas en movementos básicos de ioga; coñecer e aplicar os pasos básicos para a creación de coreografías, e fomentar condutas sociointegradoras.

Un día despois, o martes 22, o programa "Conectadas 2017" chegará a Mondariz cun obradoiro de pilates dirixido a mulleres da Asociación Cultural Cantareiras Pedraquetiña de Toutón. Esta actividade consiste en realizar exercicio físico baseado no método pilates e dirixido a mellorar o estado do corpo e a mente das persoas participantes así como aprender técnicas de respiración, exercitar e traballar a musculatura abdominal e o solo da pelve.

Por último, o xoves 24 de agosto comezará na Estrada un obradoiro de arte floral, no que poderán participar usuarias da Asociación de Mulleres Rurais de Toedo Alborada. A actividade ten coma propósito recoñecer os diferentes tipos de flores e adquirir destreza no seu manexo e colocación, coñecer as ferramentas básicas para o desenvolvemento da actividade, coñecer os diferentes xeitos de conservación de plantas e técnicas ornamentais e descubrir o modo máis axeitado de combinar as flores e as plantas.

"Conectadas 2017" foi creado pola Deputación de Pontevedra para mellorar a formación básica das mulleres, favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias ademais de contribuír á mellora da súa empregabilidade e ao mantemento no mercado de traballo e reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías.

O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes. Cada unha das asociacións beneficiarias desenvolve unha acción formativa, de 35 horas de duración, distribuídas entre oito bloques temáticos: "Muller emprende" (emprendemento), "Muller e cultura" (dedicado ás artes visuais), "Actualízate" (alfabetización dixital), "Coas túas mans" (traballos manuais), "Porque ti o fas" (xardinería e ornamentación floral), "Súmate ao cambio" (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), "Ponte en forma" (deportes) e "Coidados persoais".

A Deputación de Pontevedra destina a esta edición do "Conectadas 2017" un orzamento de 324.000 euros. O pasado ano máis de 5.000 mulleres se sumaron a estas accións formativas que teñen por obxectivo impulsar a igualdade real e garantir o acceso a todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades.


Novas relacionadas

Conectadas

30 xullo 2017, lalín, soutomaior, conectadas, ponteareas, arbo, conectadas 2017, deputación de pontevedra