Noticias

Os obradoiros do programa "Conectadas 2017" chegan esta semana a cinco concellos do sur da provincia

Máis de 100 mulleres se beneficiarán esta semana da iniciativa de Igualdade, que busca potenciar a participación e promoción das mulleres e mellorar a súa formación básica


06 agosto 2017
Conectadas

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta semana seis novas accións formativas dentro do programa "Conectadas 2017", promovido polo servizo de Igualdade da institución provincial, para seis concellos do sur da provincia de Pontevedra e dos que se beneficiarán un total de máis de 100 mulleres destas vilas. Os inicios desta semana dos obradoiros, que están dirixidos a potenciar a participación e promoción das mulleres e a mellorar a súa formación básica, terán lugar nos concellos de Arbo, A Cañiza, Mondariz, Ponteareas e Vigo.

O luns 7 de agosto comezarán tres accións formativas. A primeira delas, na Cañiza, será un obradoiro de cestaría creativa do que desfrutarán 24 usuarias da Asociación de Mulleres Rurais de Valeixe no Centro deste núcleo. No caso de Ponteareas, o Centro Cultural de Cillarga acollerá unha acción formativa de pilates destinado a 16 mulleres da Asociación Cultural deste centro e, en Vigo, outro obradoiro tamén de pilates e para outras 16 usuarias da Asociación de Mulleres en Igualdade de Vigo e que será impartido nun local do número 44 da rúa Camilo Veiga da cidade.

Dous días despois, o mércores 9 en Arbo, dará inicio outra acción de cestaría creativa dirixida a 15 mulleres da Asociación Solidaria da Paradanta, que se celebrará os mércores pola tarde no local do número 25 do lugar de Fontán-Cabeiras.

O xoves 10 será a quenda de Mondariz, onde o Centro Cultural de Meirol (no lugar de Campados) acollerá un obradoiro de ximnasia de mantemento que permitirá a outras 15 mulleres da Asociación de Veciñas e Veciños de San Andrés de Meirol formarse nesta materia.

Por último, Ponteareas acollerá un segundo obradoiro de "Conectadas 2017" a partires do venres 11, neste caso de zumba e destinado a un total de 18 mulleres procedentes da Asociación de Veciñas e Veciños O Val de San Lourenzo e Oliveira. Este obradoiro impartirase na Casa Cultural Pedreira, en San Lourenzo, s/n.

"Conectadas 2017" ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias ademais de contribuír á mellora da súa empregabilidade e ao mantemento no mercado de traballo e reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías.

O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes. Cada unha das asociacións beneficiarias desenvolve unha acción formativa, de 35 horas de duración, distribuídas entre oito bloques temáticos: "Muller emprende" (emprendemento), "Muller e cultura" (dedicado ás artes visuais), "Actualízate" (alfabetización dixital), "Coas túas mans" (traballos manuais), "Porque ti o fas" (xardinería e ornamentación floral), "Súmate ao cambio" (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), "Ponte en forma" (deportes) e "Coidados persoais".

A Deputación de Pontevedra destina a esta edición do "Conectadas 2017" un orzamento de 324.000 €. O pasado ano máis de 5.000 mulleres se sumaron a estas accións formativas que teñen por obxectivo impulsar a igualdade real e garantir o acceso a todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades.


Novas relacionadas

conectadas 2017

20 agosto 2017, mondariz, igualdade, vigo, conectadas, conectadas 2017
Conectadas

30 xullo 2017, lalín, soutomaior, conectadas, ponteareas, arbo, conectadas 2017, deputación de pontevedra
conectadas

17 xullo 2017, igualdad, igualdade, cursos, conectadas, a lama, conectadas 2017, deputacion de pontevedra, cursos formativos
Adxudicación de Conectadas 2017

20 maio 2017, cursos, conectadas, cursos de formación, conectadas 2017, mejora de la empleabilidad, mellora da empregabilidade