Noticias

14 obradoiros do programa "Conectadas 2017" chegan a 12 concellos da provincia

Máis de 200 mulleres beneficiaranse esta semana da iniciativa de Igualdade, que busca potenciar a participación e promoción das mulleres e mellorar a súa formación básica


14 outubro 2017
Conectadas 2017

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta semana 14 novas accións formativas dentro do programa "Conectadas 2017", promovido polo servizo de Igualdade da institución provincial, para 12 concellos da provincia de Pontevedra e dos que se beneficiarán en total preto de 300 mulleres destas vilas. Os inicios desta semana dos obradoiros, que están dirixidos a potenciar a participación e promoción das mulleres e a mellorar a súa formación básica, terán lugar nos concellos de Ponteareas, Sanxenxo, Caldas de Reis, Baiona, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Vila de Cruces, O Grove, Mos, Cambados, Ponteareas, Salceda de Caselas e Oia.

Os dous primeiros en comezar farano o luns 16 de outubro, cando 13 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais Celso Emilio Ferreiro de Sanxenxo iniciarán o obradoiro de Traballos en Tea, Coiro, Madeira e Outros Materiais, e 15 mulleres da Asociación de Veciños Raigame, de Caldas de Reis, iniciarán un obradoiro de Costura Creativa.

Pola súa banda, o martes 17 de outubro empezarán catro novos cursos. Para 18 mulleres da Asociación de Amas de Casa de Baiona comezará un obradoiro de Tapas, Petiscos e Canapés; para 15 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras Perla de Arousa, un de Iniciación á Costura; para 18 mulleres da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, un de Intelixencia Emocional, e para 15 mulleres da Asociación Xaruma, un de Mindfulness.

Dous días máis tarde, o xoves 19 de outubro, comezarán un total de sete obradoiros: dous de Alfabetización Dixital, un para 25 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais Consumidoras e Culturais do Adro Vello do Grove e outro para 16 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais A Seca de Corbillón de Cambados; un de Cociña: Menú Diario para 15 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais Cumeiro; un de Mindfulness para 14 mulleres da Asociación Sociocultural Malvela; un de Pastelería e Repostería Creativa para 11 persoas de Mulleres Rurais Anduriña de Sobradelo, de Vilagarcía de Arousa; un de Tapas, Petiscos e Canapés para 11 mulleres da Asociación de Mulleres do Rural do Tea de Ponteareas, e un de Traballos en Tea, Coiro, Madeira e Outros Materiais para 15 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais Caselas-Salceda.

Por último, o venres 20 de outubro comezará en Oia un obradoiro de Cociña e Alimentación: Hábitos Saudables destinado a 15 mulleres da Asociación Cultural Amigos da Música de Mougás.

"Conectadas 2017" ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, ademais de contribuír á mellora da súa empregabilidade, ao seu mantemento no mercado de traballo e a reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías.

O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes. Cada unha das asociacións beneficiarias desenvolve unha acción formativa, de 35 horas de duración, distribuídas entre oito bloques temáticos: Muller Emprende (emprendemento), Muller e Cultura (dedicado ás artes visuais), Actualízate (alfabetización dixital), Coas túas Mans (traballos manuais), Porque Ti o Fas (xardinería e ornamentación floral), Súmate ao Cambio (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), Ponte en Forma (deportes) e Coidados Persoais.

A Deputación de Pontevedra destina a esta edición do "Conectadas 2017" un orzamento de 324.000 €. O pasado ano máis de 5.000 mulleres sumáronse a estas accións formativas que teñen por obxectivo impulsar a igualdade real e garantir o acceso a todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades.


Novas relacionadas

Conectadas

19 outubro 2017, silleda, catoira, caldas de reis, conectadas, 2017, deputación de pontevedra
Conectadas

10 setembro 2017, conectadas, conectadas 2017, deputación de pontevedra
Conectadas

30 xullo 2017, lalín, soutomaior, conectadas, ponteareas, arbo, conectadas 2017, deputación de pontevedra