Noticias

Os obradoiros do programa "Conectadas 2017" chegan esta semana a 26 concellos do sur da provincia

Máis de 1.000 mulleres se beneficiarán esta semana da iniciativa de Igualdade, que busca potenciar a participación e promoción das mulleres e mellorar a súa formación básica


18 setembro 2017
Conectadas

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta semana 57 novas accións formativas dentro do programa "Conectadas 2017", promovido polo Servizo de Igualdade da institución provincial, para 26 concellos da provincia de Pontevedra e dos que se beneficiarán un total de preto de 1.100 mulleres destas vilas. Os inicios desta semana dos obradoiros, que están dirixidos a potenciar a participación e promoción das mulleres e a mellorar a súa formación básica, terán lugar nos concellos de Bueu, Caldas de Reis, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, A Estrada, Gondomar, A Illa de Arousa, A Lama, Marín, Mondariz, Mos, Nigrán, Oia, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga e Vigo.

As primeiras das quendas serán o luns 18 de setembro, nos seguintes concellos: en Crecente, un obradoiro de arte floral para 25 mulleres do colexio Nosa Señora de Fátima. A ximnasia de mantemento chegará para outras 24 integrantes da Asociación de Mulleres de Seixido, na Lama, e para 26 mulleres da Asociación Veciñal Santa María de Pazos. A Mos chegará outra acción de costura creativa, da que gozarán 15 mulleres da Asociación Veciñal Chan de Bosque-Amieirolongo. En Oia, 22 mulleres recibirán formación en pilates ao abeiro da Asociación Veciñal San Miguel de Viladesuso. En Ponteareas, 11 mulleres do Centro Cultural Cotarel recibirán formación en edición fotográfica.

Tamén no Rosal, outras 15 mulleres da Asociación Mulleres en Igualdade comezarán un obradoiro de ioga. En Salceda de Caselas, o obradoiro para 25 mulleres do Centro Cultural A Feira será de zumba. A Soutomaior chegará unha acción de arte floral da que se beneficiarán 16 mulleres da Asociación Cultural O Carballo das Chans. En Tomiño comezará un obradoiro de horta ecolóxica para 18 mulleres da Asociación Veciñal Cultural, Recreativa e Deportiva San Salvador de Sobrada, en Valga comezará o obradoiro de tai-chi para 25 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais Consumidoras e Culturais Albor e, finalmente, un obradoiro de alfabetización dixital para 19 mulleres da Asociación Veciñal Cristo da Vitoria de Vigo.

O martes 19 de setembro comezarán diversas accións nas dúas cidades da provincia de Pontevedra. A cidade de Pontevedra acollerá o inicio de tres obradoiros: o primeiro deles será en materia de intelixencia emocional e beneficiaranse del 18 mulleres da delegación en Pontevedra da Asociación Española contra o Cancro. Pola súa banda no segundo obradoiro, sobre percusión e canto tradicional, participarán outras 22 mulleres da Asociación Veciñal de Salcedo Norte. En canto ao terceiro obradoiro, cunha participación de 18 mulleres da Asociación Cultural Sondexeve, as participantes adquirirán coñecementos en alfabetización dixital: Internet, correo electrónico, manexo de tablets e smartphones, entre outros aspectos.

Pola súa banda, Vigo tamén iniciará outros 3 obradoiros para as seguintes entidades: na Asociación Sociedade Veciñal Cultural e Deportiva Nautilus de San Andrés de Comesaña, 21 mulleres formaranse sobre menú diario de cociña. Tamén 15 mulleres da Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva Helios formaranse en traballos en tea, coiro, madeira e outros materiais e, por último, 24 mulleres da Asociación de Empresarias de Galicia darán comezo a un obradoiro sobre administración de redes sociais.

Tamén este mesmo martes dará comezo unha acción formativa no concello de Marín, para 22 mulleres da Asociación de Veciñas e Veciños Pardavila da parroquia de San Xulián que recibirán formación en animación á lectura e memoria. Na Illa de Arousa, ese mesmo día, 22 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais de San Vicente comezarán a formarse en risoterapia. Pola súa banda, arredor de 15 integrantes da Asociación Veciñal Vía XIX de Caldas de Reis comezarán a formarse en ximnasia de mantemento, ao igual que outras 18 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais e Culturais Santa Marina, no mesmo concello, cun obradoiro de hábitos saudables en cociña e alimentación. En Silleda comezará un obradoiro de ximnasia de mantemento do que se beneficiarán 15 mulleres da Asociación Veciñal Guadalupe de Rellas, en Soutomaior 16 integrantes da Asociación Veciñal da Pedreira desfrutarán do inicio dun obradoiro de pilates e, en Tomiño, 18 mulleres da Asociación Veciñal Os Medos desfrutarán dunha acción formativa en horta ecolóxica.

Un día despois, o mércores 20, comezará unha acción para 15 mulleres da Asociación de Mulleres de Verdugo, en Ponte Caldelas, sobre iniciación á costura. En Mos comezará outro obradoiro sobre menú diario de cociña, nesta quenda para 19 integrantes da Asociación Veciñal San Mamed de Torroso. En Soutomaior, 18 integrantes da Asociación Veciñal e Cultural de Moreira desfrutarán do inicio dun obradoiro sobre pastelería e repostería creativa. En Valga, un obradoiro de arte floral e ornamentación para arredor de 15 mulleres da Asociación de Persoas con Diversidade Funcional dos vales de Ulla-Umia. En Vigo, tres accións: a primeira, para 15 mulleres da Asociación Veciñal Cultural e Deportiva de Sampaio, sobre traballos en tea, coiro, madeira e outros materiais. A segunda, sobre pintura, para outras 15 mulleres da Asociación Veciñal As Fontes de Lavadores. A terceira, para 16 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais Consumidoras e Culturais Eira, sobre traballos en tea, coiro, madeira e outros materiais.

O xoves 21 comezaran cinco obradoiros na Estrada para 16 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais Santo Montillón, sobre cestería creativa, outro para 17 mulleres da Asociación de Mulleres e Familias Rurais Santa María de Rubín, sobre tapas, petiscos e canapés, ou un obradoiro sobre menú diario de cociña ao que asistirán 15 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais da Paradela. Ademais, outra acción en materia de arte floral para 23 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais de San Xoán de Santeles e, finalmente, outro obradoiro de cestería creativa para outras 15 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais Avelina Valadares.

Na cidade de Vigo, tres obradoiros: un de tapas, petiscos e canapés para 22 mulleres da Asociación Veciñal Cultural e Recreativa San Mamed de Zamáns, outro de traballos en tea, coiro, madeira e outros materiais para 20 participantes da Asociación Veciñal San Roque e, por último, un obradoiro de risoterapia destinado a 17 mulleres da sede de COGAMI en Vigo.

Ese mesmo día, en Gondomar, comezará unha acción formativa de teatro para 20 mulleres da Asociación Veciñal Ponte de Mañufe. Tamén en Cerdedo-Cotobade, o mércores dará comezo un obradoiro de pilates para 15 mulleres da Asociación Veciñal A Fontiña Bieita. No caso de Bueu, 20 integrantes da Asociación de Mulleres Rurais Consumidoras e Culturais Mar de Agro recibirán a súa formación en coidar coidándonos. En Poio, 18 das Mulleres Progresistas deste concello recibirán a súa formación en alfabetización dixital "do papel ao ordenador" e outras 15 mulleres do Porriño, integrantes da Asociación de Mulleres en Igualdade, comezarán a formarse en traballos en tea, coiro, madeira e outros materiais.

O venres 22 será a quenda de obradoiros como os de Covelo, para 19 mulleres da Asociación Cultural Virxe da Luz de Casteláns, sobre pilates, ou o de costura creativa do que se beneficiarán, no concello de Crecente, 16 mulleres da Asociación Veciñal da parroquia do Freixo. "Conectadas 2017" tamén chegará a Cerdedo-Cotobade este día, cunha acción formativa en teatro da que se beneficiarán 20 integrantes da Asociación de Mulleres Creativas de Quireza. En Marín, 22 mulleres da Asociación de Consumo e Iniciativa Social iniciarán a súa formación en costura creativa. Tamén desde Ponteareas, 15 mulleres da Asociación do Centro Cultural de Fozara recibirán formación en teatro. Na Asociación Veciñal de Anceu, en Ponte Caldelas, serán 17 as mulleres que comezarán un obradoiro de ximnasia de mantemento. Outras 15 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais de Santa Isabel, en Silleda, outra acción formativa en cestería creativa e, por último, 15 mulleres da Asociación Veciñal de Beade de Vigo formaranse en iniciación á costura.

O sábado 23, "Conectadas" desprazarase ata Cerdedo-Cotobade para acoller un obradoiro de arte floral para 16 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais "Nós Mesmas". En Marín, 20 integrantes da Asociación de Mulleres O Abeiro comezarán un obradoiro de sendeirismo. En Mondariz, desde a Asociación Veciñal de Mouriscados "Millo Mouro", serán 17 as mulleres que reciban formación en teatro. Nigrán acollerá o inicio dun obradoiro de costura creativa do que se beneficiarán 20 mulleres da Asociación Cultural de Mulleres de Chandebrito. Ademais, desde Silleda, 15 mulleres da Asociación para o Desenvolvemento Social da Comarca de Deza comezarán o seu obradoiro sobre sendeirismo.

"Conectadas 2017" ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias ademais de contribuír á mellora da súa empregabilidade e ao mantemento no mercado de traballo e reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías.

O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes. Cada unha das asociacións beneficiarias desenvolve unha acción formativa, de 35 horas de duración, distribuídas entre oito bloques temáticos: "Muller emprende" (emprendemento), "Muller e cultura" (dedicado ás artes visuais), "Actualízate" (alfabetización dixital), "Coas túas mans" (traballos manuais), "Porque ti o fas" (xardinería e ornamentación floral), "Súmate ao cambio" (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), "Ponte en forma" (deportes) e "Coidados persoais".

A Deputación de Pontevedra destina a esta edición do "Conectadas 2017" un orzamento de 324.000 euros. O pasado ano máis de 5.000 mulleres se sumaron a estas accións formativas que teñen por obxectivo impulsar a igualdade real e garantir o acceso a todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades.


Novas relacionadas

Conectadas

30 xullo 2017, lalín, soutomaior, conectadas, ponteareas, arbo, conectadas 2017, deputación de pontevedra
Adxudicación de Conectadas 2017

20 maio 2017, cursos, conectadas, cursos de formación, conectadas 2017, mejora de la empleabilidad, mellora da empregabilidade