Noticias

49 novos obradoiros do programa "Conectadas 2017" chegan esta semana a 23 concellos da provincia

Preto de 860 mulleres se beneficiarán esta semana da iniciativa de Igualdade, que busca potenciar a participación e promoción das mulleres e mellorar a súa formación básica


10 setembro 2017
Conectadas

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta semana 49 novas accións formativas dentro do programa "Conectadas 2017", promovido polo Servizo de Igualdade da institución provincial, para 23 concellos da provincia de Pontevedra e dos que se beneficiarán un total de 859 mulleres destas vilas. Os obradoiros, que están dirixidos a potenciar a participación e promoción das mulleres e a mellorar a súa formación básica, terán lugar nos concellos de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Redondela, Vigo, As Neves, A Cañiza, Campo Lameiro, Silleda, Soutomaior, Mos, Pazos de Borbén, Lalín, Gondomar, Ponteareas, Tomiño, Vila de Cruces, Marín, Moaña, Pontevedra, Bueu, A Lama, Oia e Ponte Caldelas.

Mañá, comezarán as primeiras accións formativas nos concellos da Estrada, Redondela, Vigo, As Neves, A Cañiza, Campo Lameiro e Silleda. Así, 25 veciñas da "Asociación de Mulleres Rurais San Xulián de Vea" da Estrada recibirán formación sobre cociña e hábitos saudables de alimentación e, tamén no mesmo concello, membros da "Asociación para o Esparexemento e Desenrolo das Mulleres Rurais de Matalobos" asistirán a un curso sobre menú diario.

Tamén o luns comezarán cursos de pilates na "Asociación de veciños de Trasmañó" de Redondela e na "Asociación Veciñal de Fragas" en Campo Lameiro. Pola súa banda, recibirán formación sobre arte floral 17 mulleres da "Asociación de Veciños praza da Miñoca" de Vigo e outras 17 da "Asociación de Mulleres Rurais Chan dos Casteliños" da Neves sobre alfabetización dixital.

Finalmente, 25 mulleres da "Asociación de veciños de Coruxo" en Vigo e 15 da "Asociación de Ayuda a la Vida" da mesma cidade se formarán en ximnasia de mantemento e tapas, petiscos e canapés tamén o luns 11. Ademais, ese mesmo día 24 mulleres da "Asociación de Mulleres Rurais de Valeixe" da Cañiza e 15 da "Asociación de Mulleres San Martiño de Rellas" en Silleda farano sobre cestería e costura creativa.

O martes 12 de setembro comezarán cursos de arte floral e ornamentación en Vigo ("Asociación de Veciños Monte da Mina de Castrelos"), A Estrada ("Asociación de Mulleres Rurais Os Muíños de Curantes") e Pazos de Borbén ("Asociación Cultural Nespereira"). Tamén comezarán cursos de ximnasia de mantemento nos concellos da Estrada ("Asociación de Mulleres Papaventos de Cereixo") e Lalín ("Asociación Mulleres en Igualdade de Camposancos"). Pola súa banda, ese mesmo día darán comezo cursos de cestería, ioga e zumba nos concellos de Soutomaior ("Asociación Cultural Tralovalo"), Mos ("Asociación Cultural Comparsa Chan do Bosque") e Vigo ("Asociación de Fibromialgia de Pontevedra") respectivamente.

Para o mércores 13 de setembro está previsto o inicio de seis cursos de "Conectadas 2017". Así, o concello de Lalín acollerá obradoiros sobre pilates ("Asociación de mulleres en igualdade de Madriñán") e conservación de alimentos ("Asociación de mulleres da Barcia"). Pola súa banda, veciñas da "Asociación de Veciños da Parroquia de San Martiño" de Gondomar se formarán en relaxación e manexo do estrés e da "Asociación de Palilleiras do Centro Artístico Sportivo" de Ponteareas sobre costura creativa. Tamén o mércores se iniciarán cursos de zumba en Tomiño ("Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade) e de mindfulness en Vigo ("Asociación Veciñal Doutor Fleming").

O xoves comezarán obradoiros sobre tapas, petiscos e canapés nos concellos de Pontevedra ("Agrupación cultural deportiva Chan do Monte") e Marín ("Laboreiras de Marín"), ao igual que o farán cursos sobre cestería en Vigo ("Asociación de Mulleres de Cabral Santa Rosalía"), zumba en Vila de Cruces ("Asociación de mulleres rurais Brincadeira"), traballos en tea en Redondela ("Asociación Española Contra el Cáncer"), pilates en Moaña ("Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer do Morrazo") e relaxación e manexo do estrés en Pontevedra ("Asociación de Mulleres Rurais Os Muiños de Marcón").

Pola súa banda, o venres 15 de setembro comezarán cursos formativos sobre arte floral en Vigo, máis en concreto na "Asociación veciñal, cultural e deportiva de Cabral" e "Asociación de Veciños As Nosas Rúas de Vigo". Tamén ese mesmo día se iniciarán obradoiros sobre ximnasia de mantemento en Vila de Cruces ("Asociación de Mulleres Rurais de Loño"), percusión e canto tradicional en Redondela ("Asociación Cultural Pandeireteiras As Choqueiras"), cestería en Gondomar ("Mulleres Rurais San Benito", pastelería e repostería creativa en Bueu ("Asociación Española Contra el Cáncer") e zumba en Campo Lameiro ("Asociación de mulleres rurais A Chanciña").

Xa para o sábado se prevén o inicio de outras dez accións formativas do programa "Conectadas 2017". Máis polo miúdo, trátanse de obradoiros de animación á lectura na Lama ("Asociación veciñal de Pigarzos"), conservación de alimentos no concello de Redondela ("Asociación de mulleres Arela de Saxomonde"), poda e tarefas do campo en Oia ("Asociación veciñal e muruxeira"), cestería na Cañiza ("Asociación Cultural Virxe da Fonte da Franqueira"), traballos en tea e coiro no concello de Mos ("Asociación de Palilleiras"), arte floral nos concellos de Pontevedra ("AA.VV. Outeiro do Castro") e Mos ("Asociación recreativa e cultural de Guizán"), tapas e petiscos no concello de Silleda ("Asociación de veciños de Laro"), zumba en Lalín ("Asociación de Mulleres en igualdade") e risoterapia en Ponte Caldelas ("Asociación Cultural Laxe das Cruces de tourón").

"Conectadas 2017" ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias ademais de contribuír á mellora da súa empregabilidade e ao mantemento no mercado de traballo e reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías.

O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes. Cada unha das asociacións beneficiarias desenvolve unha acción formativa, de 35 horas de duración, distribuídas entre oito bloques temáticos: "Muller emprende" (emprendemento), "Muller e cultura" (dedicado ás artes visuais), "Actualízate" (alfabetización dixital), "Coas túas mans" (traballos manuais), "Porque ti o fas" (xardinería e ornamentación floral), "Súmate ao cambio" (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), "Ponte en forma" (deportes) e "Coidados persoais".

A Deputación de Pontevedra destina a esta edición do "Conectadas 2017" un orzamento de 324.000 euros. O pasado ano máis de 5.000 mulleres se sumaron a estas accións formativas que teñen por obxectivo impulsar a igualdade real e garantir o acceso a todas e todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades.


Novas relacionadas

Conectadas 2017

14 outubro 2017, igualdade, conectadas 2017, deputación de pontevedra
Conectadas

07 outubro 2017, igualdade, conectadas, conectadas 2017, deputación de pontevedra
Conectadas

01 outubro 2017, obradoiros, conectadas, conectadas 2017, deputación de pontevedra
Conectadas

02 setembro 2017, obradoiros, igualdad, conectadas, conectadas 2017