Noticias

Os obradoiros do programa "Conectadas 2017" chegan esta semana a seis concellos da provincia

Preto de 150 mulleres se beneficiarán esta semana da iniciativa de Igualdade, que busca potenciar a participación e promoción das mulleres e mellorar a súa formación básica


27 agosto 2017
Conectadas

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta semana sete novas accións formativas dentro do programa "Conectadas 2017", promovido polo Servizo de Igualdade da institución provincial, para seis concellos da provincia de Pontevedra e dos que se beneficiarán un total de preto de 150 mulleres destas localidades. Os inicios desta semana dos obradoiros, que están dirixidos a potenciar a participación e promoción das mulleres e a mellorar a súa formación básica, terán lugar nos concellos de Moraña, Nigrán, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas e Salceda de Caselas.

Este luns 28 de agosto comezará a primeira destas accións formativas, no Concello de Ponteareas, para 21 mulleres da Asociación da Veciñas e Veciños de San Estevo de Cumiar, que recibirán formación en costura creativa. O martes 29, empezará en Nigrán un obradoiro de zumba ao que poderán asistir 17 mulleres da Asociación Centro Cultural Recreativo Parada do Miñor.

O terceiro dos obradoiros que iniciarase esta semana no marco do programa provincial "Conectadas 2017" terá lugar en Moraña. No concello da comarca de Caldas 20 mulleres da Asociación Cultural Chorima asistirán a un curso de relaxación e manexo do estrés que dará comezo o mércores 30 de agosto.

Un día despois, o Concello de Poio acollerá o inicio dun obradoiro de pilates no que participarán 21 usuarias da Asociación Mulleres en Igualdade de Poio. Esta semana, concretamente o 1 de setembro, tamén comezará outro obradoiro de pilates, nesta ocasión en Salceda de Caselas. Este curso está destinado a 25 mulleres do Centro Cultural San Xurxo–Salceda.

Tamén o venres 1 de setembro dará comezo en Ponteareas un curso de zumba. Aquí participarán 18 mulleres da Asociación de Veciños O Val de San Lorenzo e Oliveira.

Por último, o vindeiro sábado 2 de setembro iniciarase en Pazos de Borbén un obradoiro de pilates que será impartido a 20 mulleres da Asociación de Veciños O Cabalo.

"Conectadas 2017" ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias ademais de contribuír á mellora da súa empregabilidade e ao mantemento no mercado de traballo e reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías.

O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes. Cada unha das asociacións beneficiarias desenvolve unha acción formativa, de 35 horas de duración, distribuídas entre oito bloques temáticos: "Muller emprende" (emprendemento), "Muller e cultura" (dedicado ás artes visuais), "Actualízate" (alfabetización dixital), "Coas túas mans" (traballos manuais), "Porque ti o fas" (xardinería e ornamentación floral), "Súmate ao cambio" (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), "Ponte en forma" (deportes) e "Coidados persoais".

A Deputación de Pontevedra destina a esta edición do "Conectadas 2017" un orzamento de 324.000 euros. O pasado ano máis de 5.000 mulleres se sumaron a estas accións formativas que teñen por obxectivo impulsar a igualdade real e garantir o acceso a todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades.


Novas relacionadas

Conectadas

10 setembro 2017, conectadas, conectadas 2017, deputación de pontevedra
Conectadas

02 setembro 2017, obradoiros, igualdad, conectadas, conectadas 2017
Adxudicación de Conectadas 2017

20 maio 2017, cursos, conectadas, cursos de formación, conectadas 2017, mejora de la empleabilidad, mellora da empregabilidade