Noticias

Máis de 15 obradoiros do programa "Conectadas 2017" chegan esta semana a 13 concellos da provincia

Preto de 300 mulleres se beneficiarán esta semana da iniciativa de Igualdade, que busca potenciar a participación e promoción das mulleres e mellorar a súa formación básica


07 outubro 2017
Conectadas

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta semana 17 novas accións formativas dentro do programa "Conectadas 2017", promovido polo Servizo de Igualdade da institución provincial, para 13 concellos da provincia de Pontevedra e dos que se beneficiarán en total preto de 300 mulleres destas vilas. Os inicios desta semana dos obradoiros, que están dirixidos a potenciar a participación e promoción das mulleres e a mellorar a súa formación básica, terán lugar nos concellos de Caldas de Reis, Cambados, A Estrada, A Guarda, O Grove, Lalín, Ponteareas, Ponte Caldelas, O Porriño, Sanxenxo, Tui, Vigo e Vila de Cruces.

O luns, 9 de outubro, comezarán catro novas accións formativas nos concellos do Grove, A Guarda, Ponteareas e A Estrada. Así, no Grove 23 mulleres da Asociación Española contra o Cancro da vila comezarán un curso sobre "Tapas, petiscos e canapés". Na Guarda, a Asociación de Mulleres progresistas da vila pon en marcha un curso de "Alfabetización dixital: Internet, Correo Electrónico, Manexo da Tableta e Teléfono intelixente". Pola súa banda, un grupo de mulleres da Asociación San Salvador de Ponteareas recibirá formación sobre "Poda e tarefas do campo desde a sustentabilidade" e outro grupo, integrado por 16 mulleres da Asociación de veciños San Breixo de Lamas da Estrada, comezará a acción formativa de "Percusión e canto tradicional".

O martes, 10 de outubro, iniciaranse seis cursos de formacións nos concellos de Sanxenxo, Cambados, Vila de Cruces, Vigo e O Porriño. Así, en Sanxenxo, 16 persoas da Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras Santa Catalina de Portonovo comezarán un curso sobre "Tapas, petiscos e canapés". En Cambados, a Asociación de Mulleres Rurais de Castrelo "As Saíñas", pon en marcha un curso de "Cestería" dirixido a 19 mulleres. Pola súa banda, un grupo de mulleres da Asociación de Mulleres Rurais de Bodaño, outro da Asociación de Mulleres Rurais de Sabrexo e da Asociación Santa Maria de Oiros (as tres entidades de Vila de Cruces), recibirán formación sobre "Zumba", "Costura creativa" e "Musicoterapia". Ademais, 15 mulleres da Asociación de mulleres viúvas demócratas europeas de Vigo comezarán unha acción formativa de "Pilates" e outras 15 da Asociación de Amas de Casa Rosais do Porriño iniciará un curso de "Costura creativa".

As accións continúan o mércores, 11 de outubro, con dous novos cursos en Caldas de Reis e Lalín. Así, en Caldas, 15 mulleres da Asociación Socio Cultural A Saleta comezarán unha acción formativa de "Traballos en tea, coiro, madeira e outros materiais" ao igual que o farán 19 mulleres da Asociación de Veciños Bolarqueiros de Noceda, en Lalín.

O venres, 13 de outubro terá lugar o comezo de dous novos cursos no Grove e no Porriño. Neste caso, O Grove acollerá un curso de "Cestería" que beneficiará a 15 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais A Lagoa de San Vicente. Pola súa banda, 24 mulleres da Asociación veciñal e cultural As Mimosas de Carracido, no Porriño, se formarán en "Pastelería e repostería creativa".

O sábado, 14 de outubro, iniciarase un curso de "Costura Creativa" en Tui no que participarán 15 mulleres da Asociación Cultural San Fins de Rebordáns e o domingo, 15 de outubro, 15 mulleres da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns, en Ponte Caldelas, comezarán un curso de "Cestería".

"Conectadas 2017" ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias ademais de contribuír á mellora da súa empregabilidade e ao mantemento no mercado de traballo e reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías.

O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes. Cada unha das asociacións beneficiarias desenvolve unha acción formativa, de 35 horas de duración, distribuídas entre oito bloques temáticos: "Muller emprende" (emprendemento), "Muller e cultura" (dedicado ás artes visuais), "Actualízate" (alfabetización dixital), "Coas túas mans" (traballos manuais), "Porque ti o fas" (xardinería e ornamentación floral), "Súmate ao cambio" (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), "Ponte en forma" (deportes) e "Coidados persoais".

A Deputación de Pontevedra destina a esta edición do "Conectadas 2017" un orzamento de 324.000 euros. O pasado ano máis de 5.000 mulleres se sumaron a estas accións formativas que teñen por obxectivo impulsar a igualdade real e garantir o acceso a todas e todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades.


Novas relacionadas

Conectadas

01 outubro 2017, obradoiros, conectadas, conectadas 2017, deputación de pontevedra
Conectadas

10 setembro 2017, conectadas, conectadas 2017, deputación de pontevedra