Noticias

Trescentas persoas participarán mañá na DepoAndaina por Cangas e Cíes, que esgotou en seis minutos as prazas dispoñibles

A quinta camiñada do programa, ata a que se desprazará o deputado de Deportes Gorka Gómez, inclúe unha ruta polo monte Faro nas Cíes. O luns abre o prazo para a derradeira andaina deste ano, que será pola Ruta da Pedra e da Auga


28 setembro 2019
DepoAndainas

Trescentas persoas participarán mañá, día 29 de setembro, na nova DepoAndaina que transcorrerá por Aldán, no concello de Cangas, e as Illas Cíes, ata que tamén se desprazará o deputado de Deportes, Gorka Gómez. Trátase dunha das rutas que maior expectación levantou das programadas pola Deputación de Pontevedra este ano, xa que as prazas esgotáronse tan só seis minutos despois de que abrise o prazo de inscrición o pasado 2 de setembro e a lista de espera sumou máis dun cento de persoas.

Este é o quinto itinerario dos sete que conforman esta edición das DepoAndainas, programadas pola institución provincial para fomentar hábitos de vida saudable e promover o turismo, e desenvolverase en sesión de mañá e tarde. Así, na ruta da mañá, as persoas participantes partirán ás 10.30 horas do porto de Aldán para unha primeira camiñada de tres quilómetros polo Bosque Encantado, coa senda dos muíños, a finca do Fredoal, o arco da Condesa e o castelo. Ao seu remate e despois dun aperitivo, dirixiranse ao porto de Cangas, desde onde tomarán o barco con destino ás Illas Cíes. Alí gozarán dun almorzo e realizarán posteriormente a espectacular ruta do monte Faro. En total, a DepoAndaina suma 10,5 quilómetros (3 en Aldán e 7,5 en Cíes) e ten unha dificultade media. A Deputación habilitará autobuses para facilitar ás persoas participantes o desprazamento a Aldán, que sairán desde a praza de Galicia, de Pontevedra, e da praza de España, de Vigo.

As DepoAndainas volverán despois xa en outubro, en que terán lugar as dúas últimas rutas das sete programadas: o día 6 polo monte de Santa Trega na Guarda e os muíños do Folón no Rosal (para a que as prazas tamén están xa esgotadas) e o día 12 pola Ruta da Pedra e da Auga de Ribadumia (o prazo de inscrición abrirá este luns, 30 de setembro).