Noticias

300 persoas participarán mañá na DepoAndaina pola Guarda e O Rosal, que esgotou en menos de 24 horas as prazas dispoñibles

As persoas participantes da sexta andaina do programa pasearán polo Monte de Santa Trega e realizarán a Ruta dos Muíños do Folón


05 outubro 2019
DepoAndainas 2019

Trescentas persoas participarán mañá na penúltima DepoAndaina deste ano que transcorrerá polos concellos da Guarda e do Rosal. Esta ruta esgotou as prazas dispoñibles en menos de 24 horas, polo que a institución provincial abriu unha lista de espera para todas aquelas persoas que non puideron conseguir unha praza para esta actividade.

Este é o sexto itinerario dos sete que conforman esta edición das DepoAndainas, programadas pola institución provincial para fomentar hábitos de vida saudable e promover o turismo. A camiñada, que percorrerá os concellos da Guarda e do Rosal, desenvolverase pola mañá e pola tarde. Así, na ruta da mañá, as persoas participantes percorrerán a localidade pesqueira da Guarda e posteriormente desprazaranse ata o espectacular Monte de Santa Trega. A continuación volverán á localidade da Guarda para facer unha visita guiada, descansar e xantar. Despois, desprazaranse ao veciño concello do Rosal para realizar a Ruta dos Muíños do Folón. Para facilitar a participación na ruta, a Deputación de Pontevedra habilita autobuses que sairán desde a praza de Galicia, de Pontevedra, e da praza de España, de Vigo.

Esta é a penúltima cita das DepoAndainas neste 2019. O derradeiro percorrido terá lugar o sábado que vén, 12 de outubro, pola Ruta da Pedra e da Auga, no concello de Ribadumia. No caso desta saída tampouco quedan prazas libres posto que as 300 ofertadas cubríronse en menos de dúas horas.