Noticias

Esgotadas en menos de dúas horas as 300 prazas para a DepoAndaina da Ruta da Pedra e da Auga

As exitosas "Depo Andainas 2019" pecharanse en Ribadumia o sábado 12 de outubro coa última ruta guiada. Este domingo, 6 de outubro, terá lugar a sexta andaina polos concellos do Rosal e da Guarda


30 setembro 2019
DepoAndainas

As "Depo Andainas 2019" chegarán ao seu fin o 12 de outubro con outra actividade para a que as 300 prazas dispoñibles volveron a esgotarse en menos de dúas horas. Hoxe mesmo ás 9:00 abriuse o prazo de inscrición para participar na última camiñada do programa prevista para este ano.

Esta nova andaina levará ás e aos participantes ata o concello de Ribadumia para percorrer a Ruta da Pedra e da Agua. Máis polo miúdo conducirá ás 300 persoas inscritas ata o mosteiro da Armenteira, atravesando infinidade de muíños de pedra e preciosos saltos de auga que dan nome a esta inesquecible ruta.

A última "Depo Andaina" do ano terá lugar o sábado 12 de outubro pero antes celebrarase a sexta ruta desta edición, que concretamente chegará este domingo 6 de outubro. Neste caso, a camiñada atravesará os concellos do Rosal e da Guarda e achegará ás 300 persoas participantes ata o Monte de Santa Trega e a Ruta dos Muíños do Folón.

"Depo Andainas" é un programa gratuíto organizado pola Deputación de Pontevedra que vai dirixido a todas aquelas persoas que gocen coñecendo a contorna natural e cultural polas sendas e camiños da nosa provincia, abrindo unha nova posibilidade de viaxar na que se une a nosa aposta pola actividade física como forma de vida saudable co descubrimento do amplo e rico patrimonio da provincia de Pontevedra.