Noticias

Esgotadas en menos de 24 horas as 300 prazas da DepoAndaina polo monte de Santa Trega e a Ruta dos Muíños do Folón e do Picón

A penúltima andaina deste ano promovida pola Deputación de Pontevedra terá lugar o día 6 de outubro polos concellos da Guarda e do Rosal


24 setembro 2019
DepoAndainas

En menos de 24 horas desde a apertura do prazo de inscrición quedaron esgotadas as 300 prazas que a Deputación de Pontevedra ofertou para a DepoAndaina polo monte de Santa Trega e a Ruta dos Muíños do Folón e do Picón. A institución provincial abriu, non obstante, unha lista de espera que se pechará en canto complete outras cen prazas.

Esta andaina, que terá lugar o domingo 6 de outubro, é a penúltima das sete rutas programadas este ano pola institución provincial para fomentar hábitos de vida saudables e promover o turismo. O itinerario, que percorrerá os concellos da Guarda e do Rosal, desenvolverase pola mañá e pola tarde. Así, na ruta da mañá, as persoas participantes percorrerán a localidade pesqueira da Guarda e o espectacular monte de Santa Trega. Despois do xantar, desprazaranse ao veciño concello do Rosal para realizaren a Ruta dos Muíños do Folón e do Picón. Para facilitar a participación na ruta, a Deputación de Pontevedra habilita autobuses que sairán desde a praza de Galicia, en Pontevedra, e da praza de España, en Vigo.

Despois desta cita, as "DepoAndainas" chegarán ao seu fin este ano coa que terá lugar o día 12 de outubro pola Ruta da Pedra e da Auga, no concello de Ribadumia. Para este itinerario, a institución provincial abrirá o prazo de inscrición o vindeiro luns 30 de setembro.