Noticias

Máis de 2.000 persoas participaron este ano nas DepoAndainas da Deputación de Pontevedra

O programa pechouse esta fin de semana coa espectacular Ruta da Pedra e da Auga de Ribadumia que tamén esgotou as 300 prazas dispoñibles


13 outubro 2019
Peche Depoandainas

Con todas as prazas completas, trescentas persoas participaron esta fin de semana na última DepoAndaina da presente edición do programa da Deputación de Pontevedra. Esta ruta, á que asistiu a deputada Noemí Outeda, percorreu os concellos de Ribadumia e Meis, polo que as persoas participantes visitaron o mosteiro da Armenteira e camiñaron entre infinidade de muíños tradicionais de pedra e saltos de auga, que dan nome a esta inesquecible ruta capaz de mesturar a natureza coa pegada humana máis enxebre.

A ruta, de 7 quilómetros de distancia e cunha dificultade baixa, rematou na Armenteira, onde as e os participantes tiveron tempo para descansar e coñecer o mosteiro de Santa María, declarado Ben de Interese Cultural. Ademais, como actividade complementaria, as persoas inscritas gozaron dunha pequena charla sobre os muíños que miraron durante o percorrido. Como nas anteriores andainas a Deputación de Pontevedra puxo a disposición das persoas inscritas autobuses desde Pontevedra e Vigo para que puideran desprazarse ata o punto inicial da ruta na oficina de turismo de Ribadumia.

Este foi o sétimo e último itinerario desta edición das DepoAndainas, programadas en todas as comarcas para fomentar hábitos de vida saudable en contacto coa natureza e promover os recursos turísticos. O programa gratuíto foi dirixido a todas aquelas persoas que gocen coñecendo a contorna natural e cultural polas sendas e camiños da nosa provincia. Na presente edición completáronse un total de 2.100 prazas repartidas nas sete andadas que percorreron, ademais desta última ruta, a fervenza da Toxa (Silleda), paseo fluvial marismas de Catoira, parque forestal illa da Toxa e ruta das pasarelas Pedras Negras (O Grove), o parque da Canuda e o paseo fluvial illa Fillaboa-Baixo Tea (Salvaterra de Miño), Bosque encantado ou Leira dos Condes (Aldán-Cangas) e ruta ás illas Cíes e monte de Santa Trega e Ruta dos Muíños do Folón (concellos do Rosal e da Guarda).