Noticias

O programa "Tecendo lazos" achegará actividades interxeracionais aos concellos de menos de 20.000 habitantes

A Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras desta iniciativa, na que a Deputación inviste 60.000 €


11 set 2016

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases reguladoras do programa "Tecendo Lazos", polo que se desenvolverán actividades interxeracionais nos concellos de menos de 20.000 habitantes que se adhiran á iniciativa. O Goberno provincial inviste 60.000 euros neste programa, que terá lugar durante o mes de decembro. 

"Tecendo Lazos" é un programa de diferentes actividades interxeracionais para os concellos de menos de 20.000 habitantes. O obxectivo é que nestes obradoiros se poñan en contacto diferentes xeracións para favorecer as relacións individuais, familiares, comunitarias e sociais. No catálogo de obradoiros que se van realizar figuran os seguintes títulos: Risos en familia, Coas mans nos pucheiros, Álbum familiar, Brincadeiras de sempre e O noso son. Preténdese que, a través da música, o humor, a cociña ou outras actividades cotiás, pequenos e maiores interactúen e creen espazos comúns.

As bases aprobadas sinalan ademais que, en cada actividade, deberá existir un módulo denominado "A historia do meu concello", onde se van facer accións enfocadas á recompilación de fotos, historias, lendas e contos de cada municipio, fomentando así o mellor coñecemento da nosa provincia.

Tal e como se recolle nas bases hoxe aprobadas, o obxecto de "Tecendo Lazos" é desenvolver obradoiros interxeracionais, no ámbito do lecer e do tempo libre, mediante os que se creen estratexias e oportunidades para o encontro, a sensibilización e o intercambio recíproco. Foméntase así ademais o envellecemento activo para os maiores e a mellora das habilidades sociais e empatía para o resto das xeracións. 

Unha vez que os concellos interesados se adhiran á iniciativa, as persoas destinatarias de "Tecendo Lazos" serán as familias deses municipios, podendo participar persoas de todas as idades, tendo sempre preferencia aquelas que se anoten xuntas e pertenzan a diferentes xeracións (netos e netas, avós e avoas, fillos e pais, etc). Poderán inscribirse ata catro membros por familia na mesma solicitude. Cada obradoiro contará cun mínimo de 10 participantes e un máximo de 30.