Noticias

A Deputación abre o prazo para os concellos interesados en participar en "Tecendo lazos"

O programa está dotado con 60.000 euros e está destinado ás familias dos concellos de menos de 20.000 habitantes


21 xuño 2017
Tecendo Lazos

A Deputación de Pontevedra abre hoxe o prazo de adhesión dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra interesados en participar na segunda edición de "Tecendo lazos", unha iniciativa do Servizo de Cohesión Social e Xuventude que desenvolverá un máximo de 52 obradoiros no último trimestre do ano. Os concellos teñen, deste xeito, 15 días hábiles a partir de hoxe para inscribirse neste programa, despois de que hoxe se publicase o extracto destas bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

"Tecendo lazos" é un programa destinado ás persoas, entidades e asociacións dos concellos de menos de 20.000 habitantes de Pontevedra para fomentar o envellecemento activo das persoas maiores e impulsar as habilidades sociais e a empatía das máis novas a través dunha serie de obradoiros interxeracionais de lecer e tempo libre.

Os concellos poderán escoller entre cinco temáticas de obradoiros diferentes: "Risos en familia", "O noso son" (sobre cancións e bailes locais) ou "Xogos e xoguetes tradicionais: xogando en familia", onde as familias compartirán xogos tradicionais e tamén construirán xoguetes cos que xogaban as persoas maiores da súa familia, para que as máis novas os coñezan e tamén facer un repaso á historia. Ademais, con "Faino ti mesmo" as persoas participantes desenvolverán actividades de expresión plástica e manualidades con elementos reciclados e reutilizados coas que a Deputación de Pontevedra fomentará o respecto ao ambiente e tamén o desenvolvemento da creatividade e do traballo en equipo. Por último, "Rastrexos", no que as familias mellorarán os seus coñecementos en historia e na realidade social e cultural da súa contorna coa lectura, procura de pistas ou a documentación.

Como novidade deste ano, todos os obradoiros do programa "Tecendo lazos" levan incorporado un módulo, "A historia do meu concello", no que as e os participantes recompilarán as historias, lendas, contos e fotografías dos seus concellos. Ademais, elaborarán un traballo (en formato papel ou audiovisual) con todo o material que recompilen e que poderán presentar a un concurso no que a Deputación de Pontevedra premiará o mellor traballo. O premio consistirá nun catálogo de produtos ademais de 50 copias do traballo gañador.

Cun orzamento de 60.000 euros, o programa permitirá desenvolver máis de 50 obradoiros (un por vila) no último trimestre deste ano para persoas, entidades e asociacións dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Os obradoiros terán unha duración de 16 horas e deberán participar entre 10 e 30 persoas, das que arredor da metade serán menores de idade.

Cos obradoiros de "Tecendo lazos" a Deputación de Pontevedra porá en contacto a distintas xeracións para favorecer as relacións individuais, familiares, comunitarias e sociais das persoas que participen. Ademais, poremos en marcha estratexias e oportunidades para crear espazos para o encontro, a sensibilización, a promoción do apoio social e o intercambio de recursos, ideas e valores que produzan lazos afectivos para poder construír sociedades máis xustas, integradas e solidarias.